Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta porá en marcha a aplicación que concentrará o acceso aos servizos da administración desde dispositivos móbiles

A Xunta porá en marcha a aplicación que concentrará o acceso aos servizos da administración desde dispositivos móbiles

  • A "Xunta no móbil" é un dos proxectos da estratexia Galicia Dixital 2030 e do Plan de Administración e Goberno Dixital 2025 para facilitar e estender o uso dos servizos dixitais
  • A aplicación concentrará os servizos da administración electrónica da Xunta, aos que se accederá dun xeito doado, inmediato, personalizado e adaptado as características dos dispositivos móbiles
  • A Xunta mantén aberta unha consulta cidadá para recoller desde o portal autonómico as ideas e opinións da cidadanía  no desenvolvemento da aplicación

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2022.- "Xunta EU" será a aplicación móbil que concentrará todos os servizos da administración dixital dun xeito doado, inmediato, personalizado e adaptado ás características dos dispositivos móbiles. Segundo o informe remitido hoxe ao Consello da Goberno galego a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, encargada da creación desta nova canle dixital que primará a accesibilidade e a facilidade de uso.

A nova aplicación incluirá, entre outros aspectos, a xestión dos datos persoais da Carpeta Cidadá, a consulta de expedientes na sede electrónica, a consulta das entradas realizadas no rexistro, a consulta de apoderamentos, a recepción das notificacións electrónicas ou o acceso a copias electrónicas auténticas. A aplicación permitirá tamén firmar de xeito electrónico documentos administrativos dende os dispositivos móbiles e acceder as diferentes tarxetas da Xunta. Os servizos que ofrecerá Xunta EU serán privados. De modo que se requirirá a identificación verificada do usuario mediante o uso de Chave365 ou eDNI.

Entre os servizos que está previsto que estean incluídos na aplicación atópanse o acceso as tarxetas acreditativas, como o carné xove ou a de familia numerosa, así como a obtención dos diferentes certificados oficiais. Tamén poderá consultar as prestacións e axudas que o usuario estea recibindo ou recibira no pasado.

A cidadanía poderá tamén xestionar desde teléfonos ou tabletas as citas coas oficinas de atención a cidadanía e rexistro, e recibirá todo tipo de avisos como o que advirte da proximidade da caducidade da Chave 365.

A través do teléfono, as persoas usuarias poderán tamén subscribirse a informacións da Xunta en función dos seus interese, así como trasladar todo tipo de queixas e suxestións.

A "Xunta no móbil" é un dos obxectivos da Estratexia Galicia Dixital 2030 e estará incluído no III Plan de Administración e Goberno Dixital 2025 que será aprobado proximamente polo Consello de Goberno.

Baixo o epígrafe "Eu participo", a sede electrónica da Xunta de Galicia mantén aberta unha consulta cidadá para recibir as aportacións da cidadanía para o desenvolvemento da aplicación para dispositivos móbiles que concentrará os principais servizos da Administración dixital.

As persoas que participen nesta consulta poderán valorar a importancia dunha serie de servizos para a súa inclusión na aplicación, e poderán tamén suxerir outras funcionalidades para a nova ferramenta.

A previsión e contar cunha primeira versión da aplicación este ano que incorporará servizos transversais como o mecanismo de reforzo da identificación dixital, avisos personalizados, a carteira dixital cos certificados ou carnés da Xunta, citas activas, acceso á carpeta cidadá e Chave 365 así como a verificación de documentos asinados e recepción de campañas.

Nunha segunda fase prevista para o 2023 engadiranse progresivamente as restantes funcionalidades previstas: consulta de expedientes na sede electrónica, entradas no rexistro, acceso a copias electrónicas auténticas, recepción de notificacións electrónicas, consultas de apoderamentos, queixas e suxestións ou subscricións.