Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta nomea máis de 300 novos funcionarios de carreira que reforzarán o corpo auxiliar da Administración galega

A Xunta nomea máis de 300 novos funcionarios de carreira que reforzarán o corpo auxiliar da Administración galega

  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución de nomeamento
  • Poderán comezar a tomar posesión dos seus postos desde mañá, venres

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2023.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública pola que se nomean 314 novos funcionarios de carreira que reforzarán o corpo auxiliar da Xunta. 

Estes novos funcionarios que ingresan na Administración galega realizarán funcións de carácter complementario nas áreas de actividade administrativa; tarefas ofimáticas; transcrición e tramitación de documentos; arquivo, clasificación e rexistro, ficheiros ou labores de atención ao público, entre outros cometidos.

Os novos funcionarios disporán do prazo dun mes, que comeza a computarse a partir do día seguinte ao da publicación no DOG, é dicir, mañá venres, para tomar posesión dos postos que lles foron adxudicados.

Os actos de toma de posesión supoñen a parte final dun proceso selectivo. A medida que os procesos selectivos van concluíndo, a Administración convoca os actos de elección de destino para que as persoas aspirantes que superaron ditos procesos poidan elixir un destino entre todos aqueles que se lle ofertan e finalmente tomar posesión.