Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta destaca que o 99% dos concellos galegos terán acceso a servizos financeiros

A Xunta destaca que o 99% dos concellos galegos terán acceso a servizos financeiros

  • Esta cifra acádase tralo novo prazo de adhesión aberto en febreiro polo Goberno galego destinado a aqueles concellos que aínda non contaban con servizos bancarios
  • Punxín, Toén, Beade, Castrelo do Val e Ribas de Sil son os concellos que se adheriron nesta segunda rolda

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2023.- O 99% dos concellos galegos terán acceso a servicios financeiros, fronte ao 60% da media española, o que converte a Galicia na segunda comunidade autónoma de España coa maior porcentaxe de concellos no seu territorio no que os veciños teñen garantida a accesibilidade a estes servizos. 

Esta cifra acádase tralo novo prazo de adhesión aberto en febreiro ao protocolo de colaboración asinado entre o Goberno galego e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), dirixido a aqueles concellos que na actualidade aínda non contaban con servizos financeiros.

Nesta nova fase, tal e como se desprende hoxe do Diario Oficial de Galicia, que publica a resolución pola que finaliza o procedemento de concesións de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, destinada a incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios básicos, adheríronse cinco concellos: Punxín, Toén, Beade, Castrelo do Val e Ribas de Sil. Estes municipios veñen a sumarse aos da primeira fase.

Co remate desta segunda rolda, cúmprese o obxectivo da Xunta de loitar contra a problemática que supoñía o acceso aos servizos bancarios no rural, evitar a exclusión financeira e promover que toda a poboación galega, con independencia do seu lugar de residencia, teña acceso aos servizos financeiros. 

Así, esta iniciativa permite que os veciños teñan caixeiros automáticos nos seus municipios; dispoñan dun servizo de asistencia financeira para solucionar calquera dúbida e poder contratar produtos igual que nunha oficina bancaria convencional; así como a oportunidade de recibir formación financeira e banca electrónica para que poidan utilizar tamén os servizos bancarios a través das novas tecnoloxías.