Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta destaca a planificación estratéxica como un elemento esencial para abordar os retos de futuro sen improvisacións

A Xunta destaca a planificación estratéxica como un elemento esencial para abordar os retos de futuro sen improvisacións

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, impartiu a conferencia "A planificación estratéxica da Xunta de Galicia e o proceso orzamentario" ante estudantes da USC, no marco da Semana da Administración Aberta 
 

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2023.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe a planificación estratéxica como un elemento esencial para abordar os retos de futuro sen improvisacións. 

Miguel Corgos, impartiu na Universidade de Santiago de Compostela (USC), a conferencia "A planificación estratéxica da Xunta de Galicia e o proceso orzamentario", ante estudantes da Facultade de Económicas e no marco da Semana da Administración Aberta.

Durante a súa intervención, o conselleiro recordou que Galicia conta co Plan Estratéxico 2022-2030, composto por 5 eixes transversais –o reto demográfico, Galicia verde e sostible, competitividade e crecemento, cohesión social e territorial e gobernanza-; 21 prioridades de actuación e 70 obxectivos estratéxicos.

Ademais, Miguel Corgos sinalou a importancia de vencellar a planificación estratéxica e as accións de Goberno e neste sentido apuntou que a Xunta reflicte cada ano no seu orzamento esta planificación. Neste marco, explicou que para o 2023 o Goberno galego deseñou unhas contas de impulso con dous obxectivos claros: achegar solucións a familias e empresas pola alza de prezos –sobre todo aos máis vulnerables- e favorecer a reactivación da economía. 

Para iso, asegurou que a Comunidade conta cun orzamento de 12.620 millóns de euros, o máis alto da historia de Galicia, con cinco liñas prioritarias de actuación: apoio e protección ás familias e as persoas máis vulnerables; aforro e eficiencia enerxética; dinamización económica; protección do medio ambiente e contra a seca e o cambio climático; e fortalecemento dos servizos públicos.

Semana da Administración Aberta
A Semana da Administración Aberta constitúe unha oportunidade única para que os cidadáns coñezan mellor o funcionamento das Administracións e os valores que rexen o Goberno aberto, así como as ferramentas de participación cidadá na elaboración, planificación e execución das políticas públicas. O programa completo pódese consultar no portal de transparencia  (https://transparencia.xunta.gal/portada?langId=gl_ES), onde se pode tamén participar a través de enquisas de satisfacción das actividades programadas.

Esta iniciativa enmárcase na semana organizada pola Alianza do Goberno Aberto, da que España forma parte desde 2011, para dar máis participación aos cidadáns, utilizar as novas tecnoloxías para fortalecer a gobernanza e facilitar o acceso á xustiza, e construír institucións eficaces, inclusivas e transparentes.