Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta centralizará a contratación de servizos na nube para a Administración por importe de 10 millóns de euros

A Xunta centralizará a contratación de servizos na nube para a Administración por importe de 10 millóns de euros

  • O Consello aproba o acordo marco que permitirá á Administración autonómica e ás entidades do sector público a contratación de servizos desta tecnoloxía e o seu uso centralizado nunha plataforma multicloud 
  • A adxudicataria deberá xestionar a contratación de servizos nas plataformas, propoñer solucións para unha conectividade directa, desenvolver unha ferramenta para a xestión da plataforma multicloud e poñer en marcha un plan de formación
  • O acordo marco, que depende da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, forma parte da Estratexia Cloud do Sector Público Autonómico para ofrecer un servizo máis eficiente, sostible e de calidade
  • Entre outras vantaxes, o modelo Cloud permite un aforro de tempos na implantación de proxectos e aporta melloras en canto a dispoñibilidade e na continuidade

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2023.- Os diferentes departamentos da Xunta de Galicia e as entidades do sector público autonómico disporán dun acordo marco, que hoxe foi aprobado polo Consello de Goberno, por un importe que suma cerca de 10 millóns de euros -incluído o IVE-, para a contratación de servizos na nube nas principais plataformas globais (Cloud Service Provider - CSPs).

O obxectivo do acordo, xestionado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia cunha duración de dous anos, é o de proporcionar os servizos da Administración dun xeito máis eficiente, sostible e de calidade, aliñado coas tendencia a nivel global, mediante o uso da tecnoloxía Cloud.

Para logralo, a adxudicataria actuará, por unha banda, como "broker multi-cloud" para a contratación e xestión dos servizos entre as CSPs incluídas no acordo marco. O acordo establece os requisitos mínimos que deben cumprir esas plataformas para garantir a seguridade, dispoñibilidade, rendemento e cumprimento normativo. Tamén deben ter dispoñibles un conxunto amplo de servizos que cubran todos os posibles requirimentos que poidan xurdir. Plataformas como Amazon Web Services, Microsoft Azure e Google Cloud Platform son exemplos de CSPs que cumpren cos criterios de certificación esixidos. A adxudicataria deberá estar acreditada como colaborador empresarial oficial desas plataformas.

Por outra banda, a empresa encargada de prestar os servizos do acordo marco tamén deberá propoñer as solucións de conectividade directa cos diferentes CSPs, así como o deseño, instalación, configuración, mantemento e soporte das comunicacións ofertadas e as ferramentas de xestión e monitorización necesarias.

A adxudicataria tamén debe propoñer unha ferramenta de xestión multicloud que facilite á administración contratante o control, automatización, monitorización soporte os seguimento de todo o servizo.

Ademais, o contrato tamén inclúe servizos de consultaría e asistencia técnica permanente. Así mesmo, os licitadores deberán ofrecer a impartición de formación especializada no ámbito das tecnoloxías e plataformas de cloud pública obxecto do contrato.

Estratexia Cloud do Sector Público de Galicia
O acordo marco forma parte dunha das iniciativas estratéxicas do Programa de Mellora das Capacidades e Infraestruturas Dixitais das Administracións Públicas, incluído no eixo sobre Goberno e Administración Intelixente da Estratexia Galicia Dixital 2030. 

Neste sentido, o modelo Cloud aporta valor polo que implica en aforro de custos ou na mellora na eficiencia na xestión das infraestruturas. Tamén permite un aforro de tempos na implantación de proxectos e aporta melloras en canto a dispoñibilidade e na continuidade.