Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta celebra o 35 aniversario da Escola Galega de Administración Pública

A Xunta celebra o 35 aniversario da Escola Galega de Administración Pública

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, inaugurou os actos conmemorativos da xornada, acompañado da directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos 
  • Unha conferencia sobre o papel dos poderes públicos na formación e na cultura do século XXI, a presentación dun Repertorio de Lexislación autonómica e a entrega das dúas últimas edicións do Premio Manuel Colmeiro centran a celebración
  • A EGAP conmemora tamén hoxe o Día das Letras Galegas cunha homenaxe a Delgado Gurriarán a cargo do xornalista Xosé Carlos Caneiro

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2022.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, inaugurou hoxe, venres, en Santiago, os actos conmemorativos de celebración do 35 aniversario da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), acompañado pola directora da entidade, Sonia Rodríguez-Campos.

A celebración estivo centrada en lembrar as tres décadas e media de vida dun organismo que hoxe é un referente da formación continua dos empregados públicos, segundo afirmou Miguel Corgos, quen na súa intervención recordou aos seis directores da Escola e agradeceu a súa implicación de acadar o obxectivo de impartir cada vez máis formación a diferentes colectivos públicos, cunha maior especialización e incorporando as novas tecnoloxías para prestar un servizo fundamental á función pública galega.

O responsable da Facenda e a Administración Pública autonómicas fixo especial fincapé no crecemento das actividades formativas impartidas, pasando de 33 no ano 1987 a 787  35 anos despois, en paralelo ao i do orzamento da EGAP, que supera na actualidade os 4 millóns de euros.

Miguel Corgos rematou instando aos asistentes a non conformarse con todo o acadado ao longo destes 35 anos, senón a continuar traballando na profesionalización da función pública galega, a través do fomento da aprendizaxe continua e da innovación.

A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos destacou o traballo realizado polo organismo durante estes anos con actuacións destinadas a acadar un sector público máis eficiente e eficaz a través da formación e a investigación co gallo de consolidar unha Administración de calidade cun persoal capacitado para ofrecer o mellor servizo á cidadanía galega. Neste tempo, incidiu, superáronse retos transcendentais como a incorporación das novas tecnoloxías ao contorno laboral e á docencia, a integración de todos os colectivos de empregados públicos á formación continua, a promoción e posta en valor da lingua galega, ou o fomento da investigación no eido público.

Actividades e conmemoracións
Unha conferencia sobre o papel dos poderes públicos na formación e na cultura do século XXI, a cargo da escritora e directora do Instituto Cervantes en Burdeos, Luisa Castro; a entrega das dúas últimas edicións do Premio Manuel Colmeiro e a presentación dun actualizado Repertorio de Lexislación autonómica poñerán o ramo ás actividades da xornada.

Pero, ademais, a EGAP conmemora tamén hoxe o Día das Letras Galegas cunha homenaxe a Delgado Gurriarán a cargo do xornalista Xosé Carlos Caneiro e a entrega de galardóns das dúas últimas edicións do Concurso de Literatura Infantil e Xuvenil do Día das Letras Galegas 2021 e 2022.