Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta avoga por unha administración transparente, aberta e accesible para a cidadanía

A Xunta avoga por unha administración transparente, aberta e accesible para a cidadanía

  • O Conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, inaugurou hoxe os actos da Semana da Administración Aberta
  • Corgos puxo en valor a importancia de trasladar aos cidadáns que a boa xestión converte os recursos captados a través dos tributos, en bens e servizos de calidade
  • Ata o vindeiro venres 24 de marzo celebraranse preto de 30 actividades de participación social para divulgar os obxectivos da Administración galega

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2023.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, subliñou hoxe a importancia de que as administracións sexan transparentes, abertas e accesibles para a cidadanía.

Así o explicou durante o acto de inauguración da Semana da Administración Aberta, no que estivo acompañado do director xeral de Simplificación Administrativa, Jesús Oitavén e da directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, que servirá para dar a coñecer á cidadanía en xeral, e aos rapaces en particular, o funcionamento do Goberno autonómico. 

Neste marco, Miguel Corgos explicou que a transparencia, a rendición de contas, a participación cidadá, a integridade pública e a colaboración, son os principios que sustentan o Goberno Aberto. Así mesmo, destacou que a administración debe ser capaz de lograr que os cidadáns poidan apreciar como a boa xestión converte os recursos captados a través dos tributos, en bens e servizos de calidade.

O conselleiro tamén apuntou que a pandemia ofreceu a oportunidade de progresar como país, de medrar ante as adversidades e confirmou o peso e a importancia das novas tecnoloxías en tódolos eidos, de xeito que a evolución tecnolóxica recente e a crise sanitaria fortaleceron o uso da interacción intelixente entre a cidadanía e a administración.

Sinalou ademais que, as administracións deben aproveitar isto para formular novas políticas públicas, pois de maneira simultánea ao proceso tecnolóxico, a sociedade aumenta a súa de demanda de servizos, tanto desde a vertente cuantitativa como na cualitativa. Ante unha sociedade cada vez máis esixente e mellor informada, o reto da administración debe ser xerar confianza, tanto cara á cidadanía como cara ao tecido produtivo.

Neste sentido, Miguel Corgos subliñou que a obriga da administración pública, é facer un esforzo por garantir a atención integral dos cidadáns, buscando as canles máis axeitadas para facer efectivos os seus dereitos e traballar con sensibilidade prestando atención a aqueles colectivos que, pola súa diversidade social, idade, situación económica, discapacidade, ou vulnerabilidade, teñan especiais dificultades para relacionarse coas administracións públicas.

Finalmente, o conselleiro de Facenda e Administración Pública puxo en valor a planificación estratéxica da Xunta que ten tres prioridades: lograr unha boa administración, que avance na prestación de servizos e na xeración de valor para todos os galegos e galegas; unhas finanzas sustentables para lograr un crecemento san; e un reforzo do autogoberno e a coordinación interadministrativa.

Pola súa banda,  directora da EGAP cualificou as actividades da Semana de Administración aberta como unha oportunidade de achegarnos de xeito diferente ás administracións, de coñecer mellor a prestación dos servizos públicos e, á súa vez, de analizar os desafíos dos gobernos nesta materia.

Durante a súa intervención, Sonia Rodríguez-Campos destacou o traballo da Xunta de Galicia nos últimos anos en materia de transparencia e goberno aberto e incidiu na importancia da formación nos contextos de cambio, xa que esta posibilita que o persoal empregado público conte coa capacitación necesaria para aplicar as diferentes normativas con rigorosidade e, á súa vez, permítelle incrementar a sensibilización en materia de integridade institucional e ética pública.

Distintas actividades dirixidas a un público heteroxéneo
A Xunta quere convidar á cidadanía a coñecer de primeira man todos estes obxectivos e iniciativas, a través das distintas actividades programadas para presentar o funcionamento da Administración autonómica.

Ata o venres 24 de marzo, a Consellería de Facenda e Administración Pública organiza preto de 30 diferentes actividades e xornadas de participación social na que se implican o conxunto das consellerías para divulgar os principios nos que se sustenta a Administración aberta: a transparencia, a rendición de contas, a participación cidadá, a integridade pública e a colaboración.

A Semana da Administración Aberta constitúe unha oportunidade única para que os cidadáns coñezan mellor o funcionamento das Administracións e os valores que rexen o Goberno aberto, así como as ferramentas de participación cidadá na elaboración, planificación e execución das políticas públicas. O programa completo pódese consultar no portal de transparencia (https://transparencia.xunta.gal/portada?langId=gl_ES), onde se pode tamén participar a través de enquisas de satisfacción das actividades programadas.

Esta iniciativa enmárcase na semana organizada pola Alianza do Goberno Aberto, da que España forma parte desde 2011, para dar máis participación aos cidadáns, utilizar as novas tecnoloxías para fortalecer a gobernanza e facilitar o acceso á xustiza, e construír institucións eficaces, inclusivas e transparentes.