Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta asina un préstamo sostible de 300 millóns de euros co Banco Santander

A Xunta asina un préstamo sostible de 300 millóns de euros co Banco Santander

  • O Goberno galego continúa deste xeito coa execución do seu programa de endebedamento
  • A operación enmárcase na xestión eficiente da débeda, xa que Galicia é a comunidade que menos aumentou o seu volume de débeda desde 2008

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2023.- A  Xunta de Galicia, a través da Consellería de Facenda e Administración Pública, asinou hoxe un préstamo sostible de 300 millóns de euros co Banco Santander, cun prazo de amortización ata o ano 2034. O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e  o director da Banca Institucional do Santander en Galicia, Luis Pernas, foron os encargados de asinar o acordo. 

O Goberno galego continúa, deste xeito, coa execución do seu programa de endebedamento, tras a emisión de débeda sostible por importe de 500 millóns de euros feita a principios deste mesmo mes e que tivo unha demanda superior ao triplo da emisión, o que puxo de manifesto a confianza dos investidores na economía e nas finanzas de Galicia.

Este préstamo enmárcase na xestión eficiente de débeda da Xunta, que permite que Galicia sexa a comunidade autónoma con menor aumento de volume de débeda desde o ano 2008, exercicio no que comezou a tendencia ascendente na evolución do endebedamento no conxunto das administracións públicas de España, incluídas as comunidades autónomas.

Segundo os últimos datos do organismo regulador, Galicia reduciu un 2,8% o seu endebedamento no terceiro trimestre do ano 2022, o que supuxo rebaixar a súa débeda en 324 M€, e é a 3ª comunidade autónoma cunha menor ratio de débeda por habitante.
En concreto, a débeda por habitante sitúase na comunidade galega nos 4.270 euros, fronte aos 6.635 euros da media española, co que cada galego debe 2.365 euros menos que a media autonómica.