Volver ao contido

Notas de prensa

A economía galega medrou un 1,1% entre xaneiro e marzo, a cifra máis alta nun primeiro trimestre desde o ano 2018

A economía galega medrou un 1,1% entre xaneiro e marzo, a cifra máis alta nun primeiro trimestre desde o ano 2018

  • O PIB galego creceu un 2,8% en relación ao primeiro trimestre do pasado ano
  • O emprego medrou un 1,2%, cun incremento de 12.577 postos de traballo en relación ao mesmo trimestre de 2022

 

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2023.- A economía galega medrou un 1,1% entre xaneiro e marzo, a cifra máis alta nun primeiro trimestre desde o ano 2018, segundo se desprende da información da contabilidade trimestral referente ao primeiro trimestre do ano, publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). 


En canto á evolución interanual, no primeiro trimestre de 2023 o PIB autonómico aumentou un 2,8% en relación ao mesmo período do ano anterior. 


Desde o punto de vista da demanda, neste primeiro trimestre as exportacións de bens e servizos aumentaron un 4,7%, e a formación bruta de capital medrou un 3,3%. No que respecta á oferta, a industria medrou un 8,9%; a construción un 4,0% e os servizos un 1,8%, cun maior incremento no apartado de comercio, transporte e hostalería (6,0%).

Ademais, os datos de contabilidade trimestral do IGE mostran que o emprego –medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo- medrou no primeiro trimestre un 1,2%, o que supón un incremento de 12.577 postos respecto ao mesmo trimestre do ano anterior.

Por ramas de actividade, o emprego creceu un 2,8% no sector da construción; un 1,7% no sector da industria; e un 1,1% no sector servizos.