Volver ao contido

Notas de prensa

A Comisión de expertos en Intelixencia Artificial analiza o modelo de xestión e seguimento para o uso desta tecnoloxía na Administración Autonómica

A Comisión de expertos en Intelixencia Artificial analiza o modelo de xestión e seguimento para o uso desta tecnoloxía na Administración Autonómica

  • A Comisión reuniuse hoxe por segunda vez na Cidade da Cultura 
  • Os expertos avanzaron na discusión sobre o proxecto de Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia, a primeira que se tramita nunha rexión europea 
  • A reunión centrouse no debate sobre o procedemento para a identificación, avaliación de riscos e eficiencia para a adquisición de sistemas de IA por parte da Xunta de Galicia

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2024.- A Comisión de Expertos para o Desenvolvemento e Uso Ético da Intelixencia Artificial en Galicia celebrou hoxe a súa segunda reunión en Santiago de Compostela, para avanzar no debate sobre os contidos do proxecto de Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia, que se atopa actualmente en elaboración. 

En concreto, neste segundo encontro buscouse coñecer a opinión dos expertos sobre as posibles alternativas para a xestión e seguimento da implantación desta tecnoloxía na Administración Xeral e do sector público autonómico de Galicia. A regulación sobre a identificación, desenvolvemento e implantación desta tecnoloxía na Xunta protagoniza o segundo gran bloque da lei que está en fase de elaboración, e que converterá a Galicia na primeira rexión europea en dispoñer dunha regulación específica sobre intelixencia artificial.

Na súa primeira reunión, celebrada en xaneiro, a Comisión analizou os principios éticos e xurídicos que deberán fundamentar a nova lexislación, entre os que se atopan os de transparencia, claridade, imparcialidade e ausencia de nesgos, reserva de humanidade e revisión humana, precaución ou avaliación no impacto nas persoas, na sociedade e no medio ambiente. Naquela ocasión tamén se analizaron os dereitos da cidadanía, así como os mecanismos que a lei debe prever para garantilos.

Ademais da implantación e uso da IA, a lei tamén regulará o establecemento de medidas para o impulso desta tecnoloxía nas empresas, como axudas, bonificacións ou incentivos.

Un dos obxectivos para a creación da Comisión de Expertos foi, precisamente, o compromiso da Xunta de aprobar nesta lexislatura a normativa necesaria para facilitar a incorporación de tecnoloxías de alto impacto, tanto no sector público como nos diferentes sectores económicos.

A comisión está formada por dez persoas expertas en diferentes ámbitos, como a economía, a filosofía e evolución humana, a tecnoloxía aplicada, a ética e normativa ou a política pública. 

A Comisión de Expertos para o Desenvolvemento e Uso Ético da Intelixencia Artificial  en Galicia foi creada polo Goberno galego a finais de 2023 e está presidida polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño.

Entre as funcións da Comisión destacan a elaboración de recomendacións e asesoramento sobre o desenvolvemento e o uso ético da IA en Galicia; asesoramento para impulsar accións formativas e de sensibilización en IA, dirixidas a empresas, administración pública e cidadáns; a formulación de propostas sobre a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030, co obxectivo de adaptar as súas medidas aos novos escenarios; e o asesoramento na avaliación do impacto da IA nos diferentes sectores produtivos de Galicia, Administración Pública e sociedade.