Volver ao contido

Notas de prensa

A Amtega presenta a súa guía de boas prácticas para a liberación de contidos e software

A Amtega presenta a súa guía de boas prácticas para a liberación de contidos e software

  • O vindeiro día 20 de setembro terá lugar o acto de presentación do documento que actualiza as guías xa existentes, con novos contidos e un enfoque máis didáctico cara ao público xeral
  • Esta publicación está enmarcada no Plan de Software Libre da Amtega, como un fito máis dentro da aposta pola difusión e fomento do software libre en Galicia

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2022.- A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) presentará a nova Guía de boas prácticas para liberación de contidos e software o vindeiro 20 de setembro, nun acto público e aberto que terá lugar no GaiasTehc (https://gaiastech.xunta.gal/gl/actividades/presentacion-da-guia-de-boas-practicas-para-liberacion-de-contidos-e-software). 

Guía de boas prácticas para liberación de contidos e software
En 2014 a Xunta de Galicia presentou dúas guías de boas prácticas para a liberación de contidos e para a liberación de proxectos software como software libre. Esta iniciativa foi pioneira no seu momento, como aposta pola difusión e fomento do software libre por parte dunha administración pública. 

Esta nova guía que se presenta, foi creada dende un principio pensando non tanto como guía de uso interno, senón para o público xeral. É por isto que se lle deu un estilo máis didáctico, tratando de achegar os contidos dun xeito e cunha linguaxe máis cotián. É por isto que tamén se xuntou nunha única publicación as dúas guías anteriores, para ter un único documento de referencia e porque ao final, os procesos de liberación de contidos e software, aínda que con particularidades propias, están baseados nos mesmos principios.

A creación deste tipo de guías atendía a unha necesidade detectada: a de poder contar con documentación en galego sobre os aspectos a ter en conta para publicar contidos baixo licenzas libres, e tamén sobre o proceso de  publicar un proxecto software como software libre. Aspectos sobre os cales, non existían tampouco demasiadas publicacións deste tipo en calquera outro ámbito. Esas publicacións naceron tamén como unha necesidade interna, derivada do compromiso da Xunta de Galicia de publicar como software libre aqueles desenvolvementos internos que, pola súa natureza, puidesen ser candidatos a ser reutilizados.

A guía comeza cunha introdución á propiedade intelectual e normativas que a regulan, nunha linguaxe simple que poida ser entendida por todo o mundo. Explícase o concepto de licenza de uso, que tipos de licenzas hai no eido do software libre, que implicacións ten apostar por un tipo ou por outras ou as compatibilidades e incompatibilidades que hai entre elas. Segundo se vai adentrando máis nela, o lector ou lectora, atopará cales son os pasos a seguir e os aspectos que ter en conta para publicar contidos con licenzas libres e tamén como publicar un proxecto software baixo unha licenza destas características. 

Plan Anual de Software Libre
Anualmente, o Plan de acción en materia de Software Libre define a senda das políticas e das actuacións a desenvolver para o incremento do uso do Software Libre en Galicia, nos ámbitos empresarial, da administración pública e da cidadanía, sempre dentro do marco da Estratexia Galicia Dixital 2030.

Dende que no ano 2010 a Xunta de Galicia puxera en marcha, por primeira vez en Galicia, un plan específico orientado ao fomento do Software libre, na Comunidade téñense conseguido grandes avances na súa adopción e uso nos diversos ámbitos da nosa sociedade. 

Os eixos principais de actuación para o fomento de solucións tecnolóxicas baseadas en software libre teñen como obxectivos o fortalecemento do sector empresarial galego, o achegamento de software libre ao conxunto da sociedade e o fomento da reutilización do software na administración pública.