Volver ao contido

Notas de Prensa

O Comité de Seguimento do Programa FEDER de Galicia 2021-2027 reúnese na Ribeira Sacra

O Comité de Seguimento do Programa FEDER de Galicia 2021-2027 reúnese na Ribeira Sacra

  • A Comunidade galega xestionará preto de 950M€ de fondos FEDER

 

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2024.- O Comité de Seguimento do Programa FEDER de Galicia 2021-2027 reuniuse hoxe no Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, en Nogueira de Ramuín. 

A celebración deste Comité na Ribeira Sacra ten o obxectivo de dar difusión e poñer en valor as actuacións de restauración e mellora das condicións de conservación de elementos singulares integrantes do patrimonio cultural da Ribeira Sacra, na que a Xunta investiu máis de 4,5M€ cofinanciados con fondos FEDER. 

A reunión estivo presidida polo director xeral de Cohesión e Fondos Europeos da Consellería de Facenda e Administración Pública, Ángel Tarrío, e por representantes da Autoridade de Xestión do Programa. Ademais, estiveron presentes representantes do Ministerio de Hacienda e da Comisión Europea e das organizacións económicas e sociais con máis representatividade en Galicia. 

A Administración galega xestionará preto de 950M€ de fondos FEDER o que representa case o 45% dos 2.132 M€ destes recursos destinados á Comunidade Autónoma; o resto será xestionado pola Administración xeral do Estado.

O Programa de Galicia 2021-2027 ten como obxectivo impulsar ata o ano 2029 a transición ecolóxica e dixital de cara a unha Galicia máis competitiva, intelixente, sostible e inclusiva. 

Neste marco, abordaranse actuacións centradas en ámbitos da especialización intelixente, no fomento do uso das tecnoloxías disruptivas, na mellora da competitividade das PEMEs, na eficiencia enerxética, o impulso das enerxías renovables e os sistemas de almacenamento de enerxía, a adaptación ao cambio climático, a xestión hídrica sostible, a economía circular e a protección e conservación da biodiversidade ou a posta en valor dos espazos naturais.

Tamén se seguirá apostando pola mobilidade sostible, as infraestruturas educativas e sanitarias, e o papel da cultura e o turismo sostible baseado na posta en valor do patrimonio cultural galego.