Volver ao contido

Notas de Prensa

Galicia será a primeira comunidade autónoma en ter unha lei que regule a intelixencia artificial

Galicia será a primeira comunidade autónoma en ter unha lei que regule a intelixencia artificial

  • A Xunta pon en valor o esforzo para sacar adiante unha norma que busca garantir o bo uso desta tecnoloxía
  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, participou no Foro La IA es una oportunidad, no un peligro

 

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2024.- Galicia será a primeira comunidade autónoma en ter unha lei propia que regule a intelixencia artificial (IA). Trátase dunha norma que garantirá o bo uso desta tecnoloxía na Administración, pero tamén protexerá os dereitos da cidadanía e promoverá a súa aplicación por parte tanto da sociedade como do tecido produtivo. O texto está a punto de levarse ao Consello da Xunta para pasar despois ao Parlamento e constituirá a primeira lei rexional europea para o desenvolvemento e implantación da IA na Administración.

Así o puxo de manifesto hoxe o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, no Foro La IA es una oportunidad, no un peligro, onde recoñeceu que é preciso ser conscientes dos riscos desta nova tecnoloxía se se aplica sen ningún tipo de control, polo que é prioritario establecer unhas regras básicas que garantan o respecto aos dereitos das persoas.

Porén, Corgos admitiu que tamén é importante atopar un equilibrio entre o control e a liberdade do mercado, para non por freo á innovación, xa que é o único xeito de que a IA poida acadar os obxectivos de mellorar a calidade de vida e o benestar dos cidadáns e, tamén, crear riqueza.

As novas tecnoloxías ao servizo das persoas
Galicia identificou axiña a importancia das tecnoloxías da información e das telecomunicacións, porque achegan ás persoas e os territorios e permiten unha mellor vertebración en comunidades como a galega, con tanta dispersión territorial. Polo que, ben aplicadas, as novas tecnoloxías contribúen a unha maior igualdade de oportunidades. 

No caso da IA, Galicia é unha das primeiras comunidades en desenvolvela cunha visión estratéxica, a través da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, que marca a folla de ruta para  orientar a tecnoloxía ao servizo da cidadanía e da xeración de riqueza.