Volver ao contido

Notas de Prensa

A Xunta xa adxudicou 985M€ dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia

A Xunta xa adxudicou 985M€ dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia

 

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública presentou ao Consello do Goberno galego o informe de execución do MRR a finais do primeiro trimestre de 2024
  • Preto de 41.000 persoas, 7.700 autónomos e case 5.000 entidades se beneficiaron destes fondos

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2024.- A Xunta de Galicia xa adxudicou 985M€ de fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) desde a posta en marcha do Plan de Recuperación. Así, o Goberno galego autorizou a publicación de convocatorias por importe de 1.097M€ e adxudicou o 90%.

Segundo o informe analizado hoxe na reunión do Consello, na actualidade, a suma dos recursos do MRR asignados polo Goberno central á Administración galega ascenden a 1.545 M€, o 5,8% do distribuído entre as comunidades autónomas, o que supón menos recursos dos que  corresponderían á Comunidade por PIB per cápita. Desa cantidade, a Xunta ten ingresados 1.430 M€. Hai que lembrar que estes fondos se poden executar ata o ano 2026.

Ademais, unhas 41.000 persoas, 7.700 autónomos e case 5.000 entidades e sociedades beneficiáronse dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia executados polo Goberno galego ata finais do primeiro trimestre de 2024. 

As actuacións concéntranse nas compoñentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia relacionadas coa mobilidade sostible, as enerxías renovables, as políticas públicas para o mercado de traballo, a renovación e ampliación do Sistema Nacional de Saúde, a implantación da Axenda Urbana, a dixitalización, a modernización do sistema educativo, a economía dos coidados e a inclusión social.

Pola súa banda, a dotación dos PERTES, cos que se financian os proxectos transformadores público-privados, dos máis de 41.000M€ anunciados e de xestión exclusiva do Goberno central, tan só se publicaron 21.224M€, é dicir, o 52%; dos que, ademais, só se adxudicaron 13.421M€, que representan o 33% dos fondos destinados a proxectos estratéxicos. Deste importe, o 4,6% corresponde a proxectos en territorio galego, 615,5M€.