Volver ao contido

Notas de Prensa

A Xunta, RETEGAL e a Universidade de Vigo colaboran para probar tecnoloxías avanzadas de comunicación sen fíos en zonas de alta demanda de ancho de banda, como zonas industriais

A Xunta, RETEGAL e a Universidade de Vigo colaboran para probar tecnoloxías avanzadas de comunicación sen fíos en zonas de alta demanda de ancho de banda, como zonas industriais

  • A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, RETEGAL e a Uvigo asinan un novo convenio para a realización de probas e medicións que posibiliten servizos que requiran 5G de altas capacidades mediante o uso de frecuencias moi altas
  • O convenio da continuidade á colaboración iniciada coa adhesión da Universidade ao Nodo 5G en 2019
  • O nodo 5G promoveu e participou na realización de 30 proxectos piloto o que situou a Galicia como unha rexión de referencia para o seu despregamento

 

Santiago de Compostela, 16 de novembro.- O Consello da Xunta acordou hoxe autorizar un convenio de colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Redes de Telecomunicacións Galegas RETEGAL S.A., e a Universidade de Vigo para o testeo e simulación de tecnoloxías de comunicación avanzada sen fíos e sensorización.

As actuacións do convenio céntranse na proba de tecnoloxías que posibiliten servizos que requiran de altas capacidades de ancho de banda en zonas de alta demanda, como contornas industriais, áreas de alta densidade de usuarios ou servizos de realidade estendida. En concreto, as tecnoloxías que se van probar baséanse no uso de frecuencias moi altas (ondas milimétricas) que permitan o uso do 5G para estes servizos.

O acordo é a continuación de dous convenios anteriores no marco da participación da Universidade de Vigo no nodo de colaboración para o despregamento da tecnoloxía 5G (Nodo 5G), dende 2019. Porá a disposición os recursos do laboratorio da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións para a experimentación con dispositivos entre os que se atopan robots cuadrúpedos, drons e vehículos a escala con conectividade 5G.

O importe máximo do convenio é de 450.000 euros, dos que 50.000 serán financiados por RETEGAL.

O desevolvemento de solucións baseadas en tecnoloxías avanzadas de comunicacións sen fíos ten una importancia singular en Galicia, onde existen zonas despoboadas ou con dificultades de acceso para a banda larga. Estas zonas requiren de solucións específicas en aspectos relacionados coa calidade de vida no rural, o desenvolvemento industrial, a xestión medioambiental ou de espazos naturais, o sector agroforestal, o turismo, etc.

Neste sentido, a Xunta desenvolveu o Plan 5G, que permitiu a realización en Galicia de 30 proxectos piloto desta tecnoloxía e situar á nosa Comunidade na vangarda para o seu despregamento. A fronteira con Portugal foi o escenario da primeira experiencia mundial de roaming en 5G e Vigo e a Coruña situáronse entre as primeiras cidade de Europa en dispoñer desta tecnoloxía.