A Xunta avanza na automatización intelixente dos procedementos administrativos co uso da robótica e a Intelixencia Artificial en máis de 30 pilotos en marcha
- O emprego das tecnoloxías evita aos empregados a realización de tarefas repetitivas e permite que poidan realizar outras de maior valor engadido
- O obxectivo é estender o uso destas tecnoloxías de forma progresiva a todos os procedementos que o requiran e incorporalas aos de nova creación para avanzar cara unha tramitación integramente dixital
Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2024.- A Xunta de Galicia está a aplicar tecnoloxías de robotización e intelixencia artificial aos seus procedementos administrativos para incrementar a eficiencia na xestión, liberando aos empregados públicos de realizar tarefas repetitivas como a revisión de grandes volumes de datos e procesos recorrentes, de xeito que se poidan dedicar a tarefas de maior valor engadido.
En total, son 31 os procesos automatizados, 22 deles en marcha e outros 9 que se irán desenvolvendo ata finais de ano. Entre febreiro e agosto deste ano, a automatización en marcha liberou aos empregados públicos dunhas 12.000 horas de tarefas recorrentes, que puideron dedicar a tarefas de maior valor para os cidadáns e para a propia administración.
O obxectivo é estender o uso destas tecnoloxías de forma progresiva a todos os procedementos que o requiran e incorporalas aos de nova creación para avanzar cara unha tramitación integramente dixital. Con este obxectivo, a Xunta puxo en marcha en 2022 a plataforma de automatización intelixente e desenvolveu un plan para avanzar no seu uso.
O plan establece unha metodoloxía cos diferentes departamentos da Xunta para identificar que procesos son susceptibles de ser automatizados, como abordar o proceso e o seu seguimento, ademais do acompañamento e formación aos empregados públicos implicados.
Algúns dos procedementos nos que se está aplicar a automatización intelixente son o rexistro das autopsias no INE, un trámite que realizan mensualmente os forenses do Imelga e que lles evita ter que mecanizar manualmente os datos dunhas 2.100 persoas cada ano; ou a xestión das altas e baixas das aplicacións corporativas que se realizan con cada traslado de unidade, unhas 10.000 ao ano.
Ata o de agora a comprobación de determinados datos vinculados a estes trámites viñan sendo realizadas por unha ou varias persoas. Agora é un software específico o que realiza esta tarefa repetitiva, de maneira automática e coa máxima precisión. Son, na maioría dos casos, procesos internos da Administración nos que a automatización permite axilizar os procedementos e mellorar tanto os tempos como a calidade do servizo á cidadanía e o desempeño dos empregados públicos.
III Plan de Administración e Goberno Dixital
A posta en marcha da Plataforma de automatización intelixente, financiada con fondos achegados polo Mecanismo para a Recuperación e Resiliencia (MRR), enmárcase nas medidas do III Plan de Administración e Goberno Dixital 2025, para impulsar a eficacia na administración, facilitar o traballo dos empregados públicos e ofrecer un mellor servizo á cidadanía.