Volver ao contido

Notas de prensa

« Atrás

A Xunta simplifica o modelo de subvencións dirixidas a autonómos e empresas que se financien cos fondos de recuperación

A Xunta simplifica o modelo de subvencións dirixidas a autonómos e empresas que se financien cos fondos de recuperación

  • O Consello da Xunta aprobou hoxe o acordo que permite o pagamento anticipado de ata o 80% da subvención concedida no modelo de bases reguladoras con convocatoria
  • O acordo aproveita a lei de simplificación administrativa e os grupos de traballo constituídos a partir da súa aprobación para axilizar os tempos de tramitación e de resolución das convocatorias de axudas
  • O Goberno galego deulle tamén o visto bo a un pioneiro Banco de criterios de baremación para as axudas, que todos os departamentos da Xunta poderán utilizar de forma homoxénea

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2022.- A Xunta simplifica o modelo de subvencións dirixidas a autónomos e empresas que se financien cos fondos de recuperación. O Consello da Xunta acaba de aprobar o acordo que autoriza o pagamento anticipado de ata o 80% da subvención concedida no modelo de bases reguladoras con convocatoria que se financien con estes fondos para as persoas traballadoras autónomas.

Deste xeito, o Goberno galego dá un paso máis para o aproveitamento dos fondos procedentes do Instrumento Europeo de Recuperación, creando unha ferramenta común para todos os seus departamentos, que facilita ás empresas e aos autónomos a solicitude das subvencións relacionadas con estes fondos.

O obxectivo é facilitar a súa planificación, xestión e execución para que os distintos departamentos da Xunta poidan axilizar os trámites de aprobación das convocatorias. Isto farase a través da utilización de textos harmonizados de bases, compatibles con outras axudas públicas, que permiten tempos de resolución inferiores a 6 meses.

Reducir tempos, mellorar o control
Estes modelos de bases serán máis sinxelos de entender para os destinatarios das convocatorias, ao incluír referencias normativas que evitarán ter que recorrer a outros textos legais. Como novidade, recollen a obriga da Administración de notificar aos solicitantes as publicacións no DOG, aclaran o concepto que incentiva as axudas, abren a posibilidade de modificalas e os tempos de xustificación con posterioridade á resolución.

Desde o punto de vista do control, e para cumprir os estándares antifraude que establece a normativa dos fondos de recuperación, os modelos fan especial fincapé nos mecanismos para evitar o dobre financiamento, así como na obriga de que os membros das comisións avaliadoras asinen declaracións de conflitos de interese para reforzar a obxectividade da súa valoración.

O acordo aproveita a Lei 9/2021, do 25 de febreiro de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia para utilizar os mecanismos previstos de grupos de traballo e poder así diagnosticar e axilizar os procedementos de uso común na administración pública galega.

Creación dun banco de criterios de baremación comúns
O Consello deulle tamén o visto bo á creación dun Banco de criterios de baremación comúns, o primeiro deste tipo en España, que poderán utilizar os centros directivos e departamentos da Xunta que convoquen subvencións. Este instrumento permitirá que os solicitantes saiban que criterios van primar na subvención que están solicitando. Aínda que o seu uso será recomendable, os xestores de subvencións poderán utilizar outros criterios.

Ademais dos criterios máis habituais - como a ocupación media anual de traballadores, un volume mínimo de facturación ou o grado de internacionalización e capacidade exportadora – figuran outros aliñados coas políticas sociais (como as porcentaxes de persoas contratadas en risco de exclusión ou a de mulleres coa condición de socias ou representantes nos consellos de administración) ou as medioambientais –obriga de reducir a pegada de carbono nos procesos produtivos, diminución do consumo de auga ou uso de madeira amparada por certificados de trazabilidade forestal-. Esta nova ferramenta estandariza 38 criterios agrupados en 12 categorías con ata 75 parámetros de medida.