Saltar al contenido

Notas de prensa

Galicia pecha 2023 cun déficit do 0,1% no 2023, dúas décimas menos do previsto

Galicia pecha 2023 cun déficit do 0,1% no 2023, dúas décimas menos do previsto

  • Logo de pechar 2023 cunha execución orzamentaria do 99,6%, a Xunta cumpre, un ano máis, co obxectivo de estabilidade
  • A cifra de déficit é tamén inferior en oito décimas á rexistrada pola media das Comunidades Autónomas 
  • Rematado o período 14-20 dos fondos europeos FEDER e FSE, Galicia executou máis do 113% dos Programas Operativos de fondos estruturais xestionados pola comunidade
  • Ademais, Galicia foi quen de reducir a súa ratio de endebedamento/PIB ata o 16,1%, a máis baixa desde o ano 2012 
  • Galicia amosa o seu compromiso coa sustentabilidade das finanzas públicas asumindo o control da débeda 

 

Galicia rexistrou un déficit de 100M€ o ano pasado, o que supón, en termos de contabilidade nacional, un 0,1% do PIB, dúas décimas menos do límite previsto nos orzamentos e do obxectivo fixado para as CC.AA. (0,3%), rematando 2023 cun déficit oito décimas inferior ao da media das CCAA (0,9%) e cumprindo, un ano máis, o obxectivo de estabilidade.

Así o reflicte un informe presentado ao Consello da Xunta polo titular en funcións da Consellería de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, relativo ao peche do exercicio do ano 2023.

O informe analizado hoxe mostra que Galicia pechou o 2023 cunha execución do orzamento do 99,6%, e que foi a comunidade que realizou o maior esforzo investidor, destinando un 16% do gasto non financeiro a investimentos.

Ademais, foi a segunda Comunidade Autónoma de réxime común cun maior aforro bruto, un total de 940M€ que se destinaron a investimentos, o que contribúe ao financiamento do crecemento futuro de Galicia. O aforro bruto, medido como a capacidade de financiar gastos de capital con ingresos correntes, é unha das magnitudes que permiten analizar a xestión orzamentaria e a sustentabilidade das finanzas públicas.

Por outra banda, Galicia foi a segunda comunidade que pagou con máis axilidade aos seus provedores no ano 2023, nunha media de 14 días, por debaixo da media de Comunidades Autónomas, que se situou en 27 días. Esta axilidade beneficia aos provedores que traballan coa Xunta (preto de 25.000), pois favorece a súa liquidez, tendo en conta que moitos deles son pemes e mesmo autónomos. Por iso, o Goberno galego reafirma o seu compromiso con seguir pagando coa máxima axilidade posible.
Cómpre salientar tamén que, rematado o período 14-20 do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e do Fondo Social Europeo (FSE), Galicia executou máis do 113% dos Programas Operativos de fondos estruturais xestionados pola Comunidade Autónoma.

Endebedamento
O informe avaliado hoxe tamén mostra que Galicia pechou o pasado exercicio reducindo a ratio débeda/PIB ao 16,1%, a máis baixa desde o 2012. Así, ao peche de 2023 foi a quinta comunidade de réxime común cunha menor ratio e o diferencial coa media autonómica foi 6,1 puntos inferior á ratio débeda/PIB da media de comunidades autónomas, que se situou no 22,2%.

En canto á débeda por habitante, sitúase en Galicia nos 4.507 euros fronte aos 6.747 euros da media de comunidades, co que cada galego debe hoxe 2.240 euros menos que a media autonómica.

Hai que lembrar que, segundo os datos do Banco de España, Galicia é a comunidade autónoma con menor aumento de volume de débeda desde o ano 2008, exercicio no que comezou a tendencia ascendente na evolución do endebedamento no conxunto das administracións públicas de España, logo da grande crise. Deste xeito, Galicia amosa o seu compromiso coa sustentabilidade das finanzas públicas asumindo o control da débeda, pasando de ser unha das CCAA máis endebedadas (a 4ª máis endebedada a finais de 2008) a unha das menos (a 12ª ao peche de 2023).

Ademais, logo do esforzo extraordinario por mor da pandemia, Galicia leva unha senda descendente das súas ratios de endebedamento, que se consolidará este ano, xa que os orzamentos para 2024 están elaborados sen novo endebedamento por primeira vez nos últimos 16 anos e se prevé pechar este exercicio no 15,4%.