Saltar al contenido

Notas de prensa

Galicia é a primeira comunidade en equiparar no IRPF ás familias de dous fillos coas familias numerosas

Galicia é a primeira comunidade en equiparar no IRPF ás familias de dous fillos coas familias numerosas

Galicia é a primeira Comunidade Autónoma en equiparar fiscalmente no IRPF ás familias de dous fillos coas familias numerosas, cunha dedución que xa poden aplicar na Campaña da Renda correspondente ao ano 2023 e que comezou onte.

Deste xeito, nesta declaración da renda as familias con dous fillos xa poderán deducir 250€, un incentivo que ata o de agora tiñan as familias numerosas (250€ as de categoría xeral e 400€ as de especial) que agora se dobra para as familias de tres fillos (500€). Esta cantidade increméntase noutros 250€ por cada fillo a maiores (a partir de tres).

Segundo o informe presentado hoxe pola Consellería de Facenda e Administración Pública, no Consello da Xunta, en total serán case 190.000 familias, entre numerosas e con dous fillos, as que resulten beneficiadas na súa declaración.

Ademais, os contribuíntes galegos beneficiaranse, ao igual que na campaña da renda de 2022, da deflactación dos tres primeiros tramos autonómicos do IRPF; da rebaixa do primeiro tramo e do incremento dos mínimos persoal e familiar. O obxectivo destas medidas é mitigar os efectos da inflación da renda dispoñible das familias e reforzar o impulso da reactivación económica. 

Desta forma, benefícianse todos os contribuíntes e, de maneira especial, as rendas medias e baixas. Así, grazas a todas estas medidas, sumadas as que xa estaban en vigor con anterioridade, permitirán que un contribuínte galego aforrará, de media, na súa declaración da renda correspondente ao ano 2023, 476 euros en relación ao que pagaba no ano 2009.

Múltiples deducións vixentes
Por outra banda, existen multitude de deducións vixentes que os contribuíntes galegos se poden aplicar na súa declaración da renda, entre as que están ás referidas ao nacemento ou adopción de fillos, ao coidado de fillos menores, aos contribuíntes con discapacidade de 65 ou máis anos que precisen axuda de terceiros, aos gastos dirixidos ao uso de novas tecnoloxías nos fogares galegos ou aos de aluguer da vivenda habitual para os de idade igual ou inferior aos 35 anos.

Outras posibles deducións terán vantaxes fiscais por acollemento familiar de menores, por investimento na adquisición de accións e participacións sociais de novas entidades ou de recente creación, por investimentos realizados en entidades cotizadas no Mercado Alternativo Bolsista, por donativos a centros de investigación de universidades galegas e os promovidos ou participados pola Xunta, por investimento en instalacións de climatización e/ ou auga quente sanitaria que empreguen enerxías renovables en vivenda habitual ou por rehabilitar bens inmobles en conxuntos históricos.

Tamén poderán aplicarse deducións por cantidades investidas en empresas agrarias e sociedades cooperativas agrarias ou de explotación comunitaria da terra, por obras de mellora de eficiencia enerxética en edificios de vivendas ou vivendas unifamiliares, por axudas e subvencións recibidas por deportistas de alto nivel ou por adquisición e rehabilitación de vivendas en proxectos aldeas modelo.

Asistencia aos contribuíntes
Por outra banda, unha campaña máis a Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) colaborará de novo coa Agencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e prestará asistencia con 36 funcionarios aos contribuíntes na confección de declaracións do IRPF nesta campaña, con tres servizos: asistencia telefónica a través do Plan Chamámoslle, videoasistencia para maiores de 65 anos e asistencia presencial tradicional, desde as plataformas mixtas, situadas en dependencias da AEAT nas sete grandes cidades galegas -A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo-. 

A atención telefónica a través do Plan Chamámoslle e a videoasistencia para maiores de 65 anos comezarán o 7 de maio, mentres que a asistencia presencial en oficina comezará o 3 de xuño. Todas as modalidades de asistencia rematarán o 1 de xullo.