Preto de 120.000 galegos e galegas acceden á capacitación dixital gratuíta que ofrecen as 93 aulas CEMIT, impulsadas pola Xunta

- A Rede de centros, presente en 52 comarcas, acumula máis de 590.000 horas de formación desde a súa posta en marcha
- A Administración autonómica destina máis dun millón de euros anuais ás aulas, ás que proporciona infraestrutura e equipamento tecnolóxico e un plan de formación
- No período 2023-2024 a Xunta investiu preto de 2,7 millóns de euros na dispositivos tecnolóxicos innovadores e na renovación de ordenadores e complementos inclusivos
- As aulas ofrecen cursos en torno ao uso seguro de internet e a administración electrónica ou banca dixital, ademais de actividades como o uso da impresión 3D, voo de drons, programación e robótica ou o emprego de ferramentas de intelixencia artificial
- A oferta formativa abrangue todas as idades dos usuarios rexistrados, entre os que o perfil maioritario é o das mulleres de entre 45 e 55 anos
- O colectivo de persoas maiores de 65 anos foi crecendo nos últimos anos, e xa suman preto de 19.000
A Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia (CeMIT) ten rexistrados un total de 119.432 usuarios desde a posta en marcha en 2010, unha cifra que non deixou de medrar desde entón, configurándose como un dos instrumentos chave da Xunta para achegar a capacitación dixital a todos os galegos e galegas. Integrada por 93 aulas, a Rede está presente en 90 concellos e 52 comarcas e acumula un total de 591.259 horas de formación dixital gratuíta. Así se recolle no Informe sobre o estado da Rede elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia do que foi informado hoxe o Consello da Xunta.
A Administración autonómica destina máis dun millón de euros anuais ás aulas, ás que proporciona infraestrutura e equipamento tecnolóxico, un plan de formación e a subvención de aulas.
No período 2023-2024 a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia puxo en marcha o Plan de Reforma e Ampliación da Rede, cun investimento de preto de 2,7 millóns de euros, que permitiu a dotación de equipamento tecnolóxico innovador como impresoras 3D, kits de robótica, drons, lentes de realidade virtual e kits de placas de comunicación e programación. Ademais engadíronse complementos inclusivos para persoas con discapacidade e renovouse o material informático básico con equipos All-In_One, tablets, e complementos audiovisuais. Ao longo de 2025 completarase a dotación deste material coa entrega de pantallas interactivas e sistemas de videoconferencia, o que suporá un investimento adicional de 270.854 euros.
Alfabetización, consultas e formación especializada
As aulas ofrecen, principalmente, formación orientada á alfabetización e á capacitación dixital con cursos en torno ao uso seguro de internet, o emprego de dispositivos móbiles, a administración electrónica ou banca dixital, entre outros, ademais doutras actividades máis especializadas como o uso da impresión 3D, voo de drons, programación e robótica, experiencias inmersivas con realidade virtual, identidade e pegada dixital en redes sociais,
ou o emprego de ferramentas de intelixencia artificial. Só en 2024 as aulas celebraron máis de 3.000 actividades que supuxeron 41.676 horas de formación.
Así mesmo, as aulas tamén resolven dúbidas de carácter tecnolóxico e acollen actividades complementarias que se celebran en colaboración con outras entidades como obradoiros
para fomentar as vocacións tecnolóxicas entre os máis novos, especialmente as nenas, actividades dixitais de carácter interxeracional, cursos de control parental ou banca dixital para persoas maiores.
A oferta formativa abrangue todas as idades dos usuarios rexistrados, entre os que o perfil maioritario é o das mulleres de entre 45 e 55 anos. O colectivo de persoas maiores de 65 anos foi crecendo nos últimos anos, e xa suman preto de 19.000.
A Rede é tamén o lugar de referencia da cidadanía para obter o certificado galego de competencias dixitais (ComDiX), e en 2024 celebráronse as primeiras convocatorias nas que participaron preto de 1.000 persoas.