Saltar al contenido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

Crece máis dun 8% o uso da sede electrónica, que rexistrou 1,4 millóns de trámites en 2023

Crece máis dun 8% o uso da sede electrónica, que rexistrou 1,4 millóns de trámites en 2023

  • Preto de medio millón de galegos e galegas empregaron esta canle para as súas xestións coa Administración autonómica o pasado ano
  • A carpeta cidadá rexistrou máis de 4,5 millóns de visitas, un 5% máis que o ano anterior
  • O portal web da Xunta recibiu 13 millóns de visitas en 2023 e os seguidores en redes sociais creceron preto dun 25%, superando os 3 millóns de persoas

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2024.- A sede electrónica da Xunta rexistrou en 2023 o inicio de 1.469.297 trámites, un 8,3% máis que o ano anterior.  En total, 447.770 persoas (físicas ou xurídicas) empregaron esta canle o pasado ano para presentación de solicitudes, escritos ou comunicacións. Estas cifras constatan a consolidación da sede electrónica como o punto de entrada á Administración online.

A oferta de procedementos que poden iniciarse en liña continúa a crecer e, en 2023, había dispoñibles un total de 2.130, 161  máis que o ano anterior. A maioría dos trámites, un 50,6%, están dirixidos á cidadanía; o 29,7% son paras ás empresas; o 10% para entidades sen ánimo de lucro, e un 9,2% están dirixidos ás entidades locais. 
Son datos do estudo “A administración Dixital da Xunta de Galicia”, publicado hoxe, e elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. 

Durante 2023 houbo 4.509.478 accesos á carpeta cidadá, preto dun 5% máis que en 2022.  A carpeta cidadá é o espazo persoal no que os usuarios teñen acceso aos seus datos, á situación dos seus trámites coa Administración e á xestión destes desde un único punto. Crece, tamén, o número total de usuarios activos de Chave365, ata acadar os 1.511.441, o que supón un incremento de máis de 33 mil respecto ao ano anterior.

O documento sinala un crecemento do 14,1% das notificacións a través da plataforma notifica.gal, que sumaron 1.715.777. Ademais, en 2023, un total de 23.915 persoas contaban con tarxetas intelixentes de empregado público para a identificación e a sinatura electrónica. O numero de documentos asinados online en 2023 superou os 10 millóns, mantendo a tendencia ascendente dos últimos anos. 

 

Respecto á presenza en internet,  o catálogo de redes sociais da Administración galega ascendía en 2023 a un total de 438 iniciativas, que suman un total de 3.060.619 seguidores, un 24,8% máis que no 2022.  O portal institucional da Xunta de Galicia recibiu o pasado ano máis de 13 millóns de visitas, cunha media de 470.103 visitantes mensuais distintos, que viron máis de 26 millóns de páxinas.