A Xunta pon en valor a colaboración institucional e o intercambio de información como medios para potenciar a ciberseguridade e limitar as novas formas de delincuencia

- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, inaugurou o VI Foro Rexional ISMS Forum Galicia que reúne a axentes públicos, privados e profesionais do sector para afrontar os retos da seguridade nas TIC
- O Centro de Resposta a Incidentes de Ciberseguridade, CSIRT.gal, bloqueou 2,3 millóns de intentos de ataque só o ano pasado
Santiago de Compostela, 30 de xaneiro 2025.- A Xunta destaca a necesidade de compartir información e colaborar como medio para potenciar a ciberseguridade e limitar as novas formas de delincuencia. Trátase de garantir a protección dos datos e a información de todos os cidadáns nunha contorna na que as tecnoloxías da información e as telecomunicacións fan o mundo máis pequeno e a implicación colectiva pode axudar a alertar de situacións perigosas.
Así o puxo de manifesto o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, que inaugurou hoxe o VI Foro Rexional ISMS Forum Galicia. Este encontro reúne a axentes públicos, privados e profesionais do sector para afrontar os retos da seguridade nas TIC. Miguel Corgos lembrou que o Goberno galego puxo en marcha, xa no 2018 o Centro de Resposta a Incidentes de Ciberseguridade CSIRT.gal que só o ano pasado bloqueou 237 millóns de intentos de ataque.
Destacou tamén o papel do Nodo CIBER.gal como espazo de encontro e colaboración nesta materia, no que participan institucións como a Xunta, o Instituto Nacional de Ciberseguridade, o Centro Criptolóxico Nacional ou a FEGAMP, así como máis de medio cento de empresas e institucións.
A ciberseguridade é unha prioridade permanente do Goberno galego, que conta cunha estratexia específica e constitúe o eixo da Estratexia Galicia Dixital 2030. Ademais, a Xunta ofrece apoio ás entidades locais para que os cidadáns teñan máis seguridade nas relacións coas Administracións públicas.
Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica
Galicia participa con Cataluña e a Comunidade Valenciana nun proxecto das Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica para mellorar a ciberseguridade no ámbito do transporte intelixente. O investimento galego neste proxecto supera os 19 millóns de euros.
O conselleiro de Facenda recordou que cada ano se incrementan os recursos destinados á seguridade nas TIC e que os orzamentos de 2025 contemplan 21 millóns de euros para esta partida, un 61% máis que o ano anterior.
Miguel Corgos concluíu avanzando o obxectivo do Goberno Galego de promover un pacto polos dereitos dixitais na Comunidade. E recordou que, na liña de adiantarse ás necesidades creadas polas tecnoloxías de alto impacto, como a intelixencia artificial, a primeira Lei sobre IA no ámbito rexional europeo é a galega e está xa en proceso de aprobación.