Volver ao contido

Orzamentos

Muñoz Fonteriz subliña que os orzamentos para 2013 atenden o presente, reaccionan ante a crise e buscan garantir o futuro

Muñoz Fonteriz subliña que os orzamentos para 2013 atenden o presente, reaccionan ante a crise e buscan garantir o futuro

A conselleira de Facenda asegura que as contas se adaptan á conxuntura actual e sentan as bases para que Galicia sexa das primeiras en recuperar o crecemento

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, salientou hoxe que os orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2013 non só atenden o presente, senón que tamén buscan combater a crise económica e garantir o futuro co obxectivo de que a comunidade sexa das primeiras en recuperar o crecemento económico.

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, salientou hoxe que os orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2013 non só atenden o presente, senón que tamén buscan combater a crise económica e garantir o futuro co obxectivo de que a comunidade sexa das primeiras en recuperar o crecemento económico.


Na súa intervención durante o debate de totalidade das contas, Muñoz Fonteriz afirmou que os orzamentos deseñados polo Executivo galego son realistas e se adaptan á complicada conxuntura actual, pero tamén inclúen medidas para sentar as bases para que Galicia poida consolidar a reactivación económica na segunda fase da lexislatura.


A titular de Facenda subliñou que estes orzamentos permiten preservar, nun momento de crise económica, as políticas básicas sobre as que o Goberno galego ten competencias, como a sanidade, a educación e os servizos sociais, que concentran o 77,1% do gasto total, que gañan peso un ano máis e supoñen case 9 puntos máis que en 2009.


Na súa opinión, asegurar a calidade, a sostibilidade e o bo funcionamento dos servizos públicos pasa, necesariamente, por afondar na eficiencia na xestión, facendo reformas e repartindo as cargas e os beneficios que se poidan obter. Así, sinalou que o Executivo galego busca unha administración máis transparente, eficiente e obxectiva, que achegue solucións aos problemas da cidadanía, favorecendo a dinamización económica e a creación de emprego, sen esquecer a garantía das prestacións de carácter social.


Elena Muñoz Fonteriz tamén sinalou que, a pesar dos menores recursos financeiros e de contar con 2.100 millóns de euros menos que hai catro anos, as contas para o presente exercicio tratan de reaccionar fronte á crise, estimulando ao máximo as políticas de fomento da actividade económica e de desenvolvemento dun modelo de crecemento baseado na especialización, a internacionalización e a mellora da competitividade e o coñecemento.


De feito, reiterou que, unha vez blindada a presentación dos servizos públicos esenciais, os orzamentos pretenden conseguir, no menor tempo posible, unha senda de crecemento, un obxectivo transversal para todas as consellerías, que contribúen a isto dentro das súas competencias a través do Fondo do Crecemento, dotado con 386 millóns de euros.


Explicou que este instrumento pretende instrumentar, vertebrar e coordinar as actuacións de cada departamento para establecer as bases do crecemento co fin de mellorar as expectativas do mercado laboral e iniciar, polo tanto, un camiño para a creación de emprego. Así, engadiu que este fondo permite priorizar a execución das actuacións que financia, na liña dos eixes do Plan Estratéxico de Galicia. Case dous terzos do total encádranse no destinado á dinamización económica, o crecemento e o emprego.


Elena Muñoz Fonteriz tamén lembrou que Galicia foi capaz de completar con éxito e en menos dunha semana a colocación dos 1.024 millóns de euros de débeda autorizados polo Goberno central, o que permite á comunidade autónoma blindar os seus pagamentos para este ano, algo que atribuíu á fiabilidade e confianza que xera entre os investidores, pola solvencia, rigor e sostibilidade das súas contas.


Colocación de débeda no mellor momento e a tipos moi competitivos
Neste senso, salientou que realizou estas colocacións no mellor momento posible, cunha relaxación dos mercados e cun estreitamento de marxes, polo que as catro operacións, de entre dous e seis anos de duración, se formalizaron a uns tipos de xuro moi competitivos, de entre o 4,5% e o 6,1%, por debaixo dos que obteñen a maioría de comunidades autónomas.


A conselleira de Facenda indicou que é precisamente este control do endebedamento, levado a cabo por este Goberno desde 2009, o que permite que Galicia sexa en 2013 a comunidade na que menos medran os gastos financeiros, tres veces e media menos que no conxunto de comunidades.


Así, resaltou que Galicia pode dedicar a gastos produtivos os recursos que non ten que achegar a pagamento de xuros, pois lembrou que tería que detraer 70 millóns de euros máis para este capítulo si se comportase como a media de autonomías, unha cifra que se elevaría ata os 167 millóns de euros no caso de ter incrementos como os das comunidades nas que máis soben os gastos financeiros. Muñoz Fonteriz insistiu en que estas cifras son a mellor proba da responsabilidade deste Goberno en materia de endebedamento.


Por outra banda, a titular de Facenda confirmou que este ano a economía galega volverá ter un comportamento mellor que a española, ao igual que sucedeu en 2012, pois prevé que manteña un diferencial positivo de dúas décimas, fundamentalmente por unha mellor evolución do sector industrial e unha menor caída da actividade construtora e inmobiliaria. Igualmente agarda un mellor comportamento que a media no relativo ás administracións públicas e ao investimento empresarial.