A Xunta pon en valor o esforzo que permitirá manter estable o Fondo de Cooperación Local nos Orzamentos de 2014
- A Administración autonómica destinará ao Fondo de Cooperación Local 113 millóns de euros o vindeiro ano
- Tamén manterá a cuantía do Fondo de Compensación Ambiental
- O vicepresidente da Xunta e a conselleira de Facenda mantiveron hoxe un encontro coa directiva da Federación Galega de Municipios e Provincias
Santiago, 16 de outubro de 2013.- A Xunta de Galicia trasladoulle hoxe á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) que nos Orzamentos para 2014 manterá estable o Fondo de Cooperación Local (FCL), cunha dotación presupostaria de 113 millóns de euros.
O vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda; e a conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, mantiveron hoxe un encontro cunha representación da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), encabezada polo seu presidente, José Manuel Rey Varela.
No encontro, os representantes do Goberno galego explicaron que a partida orzamentaria para o Fondo de Cooperación Local nas contas de 2014 se situará en 113 millóns de euros, a mesma cifra que nos Orzamentos do presente exercicio.
A Xunta destaca o importante esforzo que leva a cabo para manter estable este Fondo de Cooperación Local, xa que non baixa a pesar de que sería o que correspondería ao estar condicionado aos ingresos da Administración Autonómica. De feito, as entidades locais recibirán no vindeiro exercicio un financiamento adicional de 6 millóns de euros, e en 2013 foi de 13 millóns.
Ademais, a Xunta tamén manterá estable en 2014 a dotación correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental, que ascende a 11,5 millóns de euros.
No encontro de hoxe tamén estiveron presentes o vicepresidente primeiro da FEGAMP, Alfredo García; o vicepresidente segundo, Francisco García; e o vicepresidente executivo da entidade municipalista, Alfonso Villares. Ademais, por parte da Xunta participaron na reunión o director xeral de Administración Local, Norberto Uzal; e o director xeral de Planificación e Orzamentos, Miguel Corgos.