Volver ao contido

Orzamentos

O teito de gasto autonómico para 2013 limitará o seu axuste ao 1% polas medidas xa tomadas polo Goberno e pola Xunta

O teito de gasto autonómico para 2013 limitará o seu axuste ao 1% polas medidas xa tomadas polo Goberno e pola Xunta

O axuste global do 3,3% será fundamentalmente pola diminución á metade do endebedamento da comunidade

O Consello da Xunta aprobou hoxe un teito de gasto non financeiro para 2013 que limitará o seu axuste ao 1% en relación á capacidade de gasto deste exercicio polas medidas xa implantadas tanto pola Administración autonómica e polo Goberno central, que tamén terán o seu impacto o vindeiro ano.

O Consello da Xunta aprobou hoxe un teito de gasto non financeiro para 2013 que limitará o seu axuste ao 1% en relación á capacidade de gasto deste exercicio polas medidas xa implantadas tanto pola Administración autonómica e polo Goberno central, que tamén terán o seu impacto o vindeiro ano.


En global se situará nos 8.481 millóns de euros, un 3,3% inferior ao axustado para o presente exercicio, unha baixada que se debe en grande medida a que a capacidade de endebedamento da comunidade será menos da metade, ao pasar do 1,5 ao 0,7% do PIB autonómico.


Dous terzos dos 290 millóns de euros da diferenza de capacidade de gasto estarán axustados xa de maneira automática como consecuencia das medidas incluídas xa no Plan de Reequilibrio do Goberno galego e da aplicación das medidas de aforro aprobadas polo Goberno central, o que limita o axuste final ao 1,1%, que se materializará analizando partida a partida á hora de elaborar o orzamento para 2013, sempre blindando o gasto social con carácter previo.


Con esta previsión de capacidade máxima de gasto, o Executivo autonómico garantirá un ano máis a estabilidade orzamentaria e a solvencia da Facenda autonómica. Unha vez que o Goberno galego xa deu o visto e prace a este teito de gasto, foi remitido esta mesma mañá ao Parlamento para a súa aprobación na Cámara autonómica no pleno extraordinario de mañá.
A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, salientou que, ao igual que neste ano, o vindeiro a economía galega terá un comportamento dúas décimas mellor que a española e manterá un diferencial positiva en taxa de paro superior aos 4 puntos.


A titular de Facenda cifrou en 7.871 millóns de euros os ingresos non financeiros para 2013, que serán complementados co 0,7% de déficit autorizado polo Consejo de Política Fiscal y Financiera (CPFF) par ao vindeiro ano. Muñoz Fonteriz subliñou que o Executivo galego presenta un escenario realista e responsable que permite manter a prestación dos servizos públicos esenciais.


Desde que comezou a lexislatura o Goberno galego leva axustado o seu orzamento nun 20% e con este teito non financeiro a Administración autonómica situará a súa capacidade de gasto do ano 2005.


A conselleira de Facenda  subliñou tamén que o traballo feito pola Xunta de Galicia nos máis de tres anos de lexislatura, con medidas pioneiras en austeridade e eficiencia no gasto público, permite a esta comunidade manter unha mellor posición comparativa respecto ao resto de comunidades, ademais de ter evitado tomar medidas abruptas que outras autonomías non tiveron máis remedio que asumir.


Así, Elena Muñoz Fonteriz reafirmou o compromiso da Xunta coa estabilidade orzamentaria e lembrou que Galicia foi a comunidade que pechou 2011 con menor déficit público, o 1,61%, menos da metade da media que se situou no 3,32%.