Volver ao contido

Orzamentos

A Xunta salienta o esforzo de Galicia por acadar a sustentabilidade das súas contas e o pagamento áxil aos provedores

A Xunta salienta o esforzo de Galicia por acadar a sustentabilidade das súas contas e o pagamento áxil aos provedores

O director xeral de Política Financeira e Tesouro participou nunhas xornadas en Madrid organizadas por Unidade Editorial, co relatorio ‘Xunta de Galicia: Finanzas Sostibles e Predicibles'

O director xeral de Política Financeira e Tesouro da Consellería de Facenda, Manuel Galdo, subliñou hoxe o esforzo que está a facer o Goberno galego para acadar a sustentabilidade das súas contas, sendo a comunidade con menor déficit público en 2011, así como para pagar de maneira áxil aos seus provedores, sen necesidade de acudir ao mecanismo extraordinario habilitado polo Goberno central.

 O director xeral de Política Financeira e Tesouro da Consellería de Facenda, Manuel Galdo, subliñou hoxe o esforzo que está a facer o Goberno galego para acadar a sustentabilidade das súas contas, sendo a comunidade con menor déficit público en 2011, así como para pagar de maneira áxil aos seus provedores, sen necesidade de acudir ao mecanismo extraordinario habilitado polo Goberno central.

Manuel Galdo, que participou en Madrid nunhas xornadas organizadas polo grupo Unidad Editorial co relatorio ‘Xunta de Galicia: Finanzas Sostibles e Predicibles', indicou que a apertura económica ao exterior, un presuposto prudente de ingresos e a contención do gasto público corrente e de persoal son os aspectos fundamentais que definen a política económico-financieira do Executivo autonómico.

O director xeral lembrou que en materia de comercio exterior a comunidade creceu en 2011 un 1,5% nas importacións e un 15,7% nas exportacións, cunha taxa de apertura do 54,7%, 3,7 puntos porcentuais máis que en 2010 e superior á española.

Neste contexto, resaltou que o volume de vendas galegas foi superior ao das compras, cunha taxa de cobertura superior ao 100%, ao contrario do que ocorre co resto de España. Así, indicou que en 2011 a taxa de cobertura medrou un 15,5 por cento e que o 8,2% das exportacións rexistradas no período en España realizáronse desde Galicia, cun valor total que representa o 1,6% do PIP estatal.

O director xeral puxo en valor as políticas fiscais levada a cabo polo Goberno galego para ampliar as bases impositivas e a recuperación dos ingresos fiscais derivados da vivenda, así como a contención do gasto público da Xunta, cunha redución do gasto non financeiro do 15% entre 2009 e 2011, a comunidade que o fixo en maior medida, nun esforzo que proba o compromiso da Xunta coa austeridade.

Ademais, recalcou que é esencial garantir a sustentabilidade das Administracións públicas ao longo do ciclo económico, razón pola que Galicia foi pioneira en aprobar a Lei de Disciplina Orzamentaria e Sustentabilidade Financieira, na que se establecen regras fiscais anti-cíclicas que permiten crear unha marxe de manobra para a estabilización financieira, a protección sobre unha evolución orzamentaria imprevista ou acelerar o desapalancamento financieiro. 

En materia de xestión de pagamentos, Manuel Galdo subliñou que, coa implantación no ano 2010 do Sistema Electrónico de Facturación, o tempo medio de abono a provedores ao longo do ano pasado foi de 48 días e puxo especial énfase en que a mellor medida de política económica que pode levar a cabo hoxe unha comunidade autónoma é pagar con axilidade aos seus provedores.