Volver ao contido

Orzamentos

A Xunta inclúe nos Orzamentos de 2013 un fondo de crecemento dotado con 386 millóns de euros

A Xunta inclúe nos Orzamentos de 2013 un fondo de crecemento dotado con 386 millóns de euros

O Goberno galego anticipará a metade da paga extra de xuño á nómina de xaneiro aos empregados públicos que o soliciten

O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de Lei de Orzamentos da comunidade autónoma para o ano 2013, unhas contas que incluirán un Fondo de Crecemento dotado con 386 millóns de euros co obxectivo de sentar as bases nos primeiros dous exercicios da lexislatura que permitan que a economía galega volva a crecer na segunda parte.

O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de Lei de Orzamentos da comunidade autónoma para o ano 2013, unhas contas que incluirán un Fondo de Crecemento dotado con 386 millóns de euros co obxectivo de sentar as bases nos primeiros dous exercicios da lexislatura que permitan que a economía galega volva a crecer na segunda parte.


Ademais da importante contía, terá unha vertente cualitativa, xa que será coherente co Plan Estratéxico, mellorará a coordinación de políticas e garantirá unha maior eficacia nos investimentos que se realicen, todo iso co obxectivo de ser un instrumento que incentive a reactivación económica.


Entre as prioridades, estarán reter e atraer talento, aproveitar as potencialidades da comunidade, desenvolver novos produtos e servizos, axudar a facer máis compatibles a oferta e a demanda laborais, favorecer a creación de empresas e o seu acceso aos mercados e ao financiamento, reforzar a internacionalización das empresas galegas, darlle maior relevancia e modernizar o tecido industrial, fomentar o emprego das TIC en todos os sectores e axudar ao reequilibrio territorial.


As contas para o vindeiro ano permitirán cumprir coa redución do déficit ao 0,7% do PIB, case a metade deste exercicio, e seguirán incrementando o peso do gasto social, xa que os recursos achegados á educación, á sanidade e aos servizos sociais subirán ata o 77%, case 9 puntos máis que en 2009.


O gasto non financeiro da Xunta será de 8.479 millóns de euros, lixeiramente por debaixo do teito aprobado o pasado mes de agosto e un 2,5% inferior á capacidade de gasto deste ano, unha caída que se debe en grande medida ao feito de que Galicia continuará diminuíndo o seu déficit e se endebedará en 2013 en 464 millóns de euros menos que en 2012. O Goberno galego actuou con responsabilidade durante toda a lexislatura pasada e controlou o seu endebedamento en todo momento, sen sobrepasar nunca os límites autorizados polo Consejo de Política Fiscal y Financiera (CPFF).


Como consecuencia desta prudencia, Galicia pasou en catro anos de ter unha ratio débeda/PIB superior á media a estar de maneira sensible por debaixo, pois foi a terceira comunidades autónomas que menos incrementou o seu endebedamento durante a época de crise, desde finais do ano 2007.


Solvencia e servizos públicos
As prioridades das contas autonómicas serán continuar un exercicio máis garantindo a solvencia da Facenda autonómica e o mantemento da prestación dos servizos públicos esenciais. O Goberno autonómico, con 2.100 millóns de euros menos de capacidade de gasto, no nivel do ano 2006, ten que ser capaz de prestar os servizos públicos que os galegos necesitarán en 2013.


A Xunta compatibilizará esta blindaxe das áreas sociais co maior esforzo posible en investimentos e liderará ás comunidades en esforzo investidor, tal e como fixo este exercicio e tal como se reflicte nos últimos datos comparativos dado a coñecer polo Goberno central sobre a execución orzamentaria a 30 de setembro.


En canto ás previsións económicas, 2012 pecharase algo mellor do esperado cando se presentou en agosto o teito de gasto, polo que o comportamento será do -1,1%, dúas décimas mellor do agardado, co que tamén se confirma que terá unha mellor evolución que a española.


De cara a 2013, Galicia tamén prevé ter un mellor comportamento do previsto. Así, o Executivo autonómico estima que o PIB galego do vindeiro ano se sitúe no -0,9%, dúas décimas mellor que o que prevén os organismos internacionais e privados para o conxunto de España. Sobre a taxa de paro, a Comunidade galega manterá diferenciais positivos superiores aos catro puntos.


En materia tributaria o Executivo autonómica continúa a liña da anterior lexislatura de aplicar rebaixas selectivas nos impostos sobre a vivenda co fin de favorecer a súa adquisición por parte dos que máis dificultades teñen e máis o necesitan. Así, na equiparación do Imposto de Transmisións Patrimoniais, fíxanse rebaixas de entre un 20 e un 60% para os cidadáns con menor patrimonio, para os discapacitados, para as familias numerosas e para os menores de 36 anos. O mesmo ocorre no caso do Imposto de Actos Xurídicos Documentados, pois neste caso as rebaixas para estes colectivos están nun 33 e un 66%.


Así mesmo, a Xunta pon en marcha novas deducións co fin de fomentar o emprendemento. No caso do Imposto de Actos Xurídicos Documentados, fixa unha do 100%, cun límite de 1.500 euros, para adquirir locais que se destinen a empresa ou negocio profesional; e outro igual para préstamos e créditos hipotecarios para financiar estas compras.


En canto ao Imposto de Sucesións e Doazóns, haberá unha redución do 95%, cun límite de 118.750 euros, nas transmisións mortis causa e inter vivos a menores de 35 anos nos cartos que se destinen a constituír unha empresa ou negocio profesional. O límite duplícase en caso de discapacidades iguais ou superiores ao 33%.


No IRPF inclúese unha dedución do 20% das cantidades investidas (cun límite de dedución de 4.000 euros) na creación de novas empresas ou a ampliación da actividade de empresas de recente creación. Igualmente duplícase a dedución (ata os 8.000 euros) para as persoas que invistan en accións ou participacións sociais de novas entidades ou de recente creación.


Anticipo voluntario da metade da extra de xuño
Por outra banda, o Consello da Xunta tamén deu luz verde ao decreto de prórroga dos actuais orzamentos, unha medida xa prevista na lei, para dispoñer de contas públicas mentres que o Parlamento non aprobe as definitivas para 2013. Neste texto inclúese a posibilidade de que o Executivo autonómico adiante a metade da paga extra de xuño á próxima nómina correspondente ao mes de xaneiro para aqueles empregados públicos que así o soliciten.


Este anticipo é unha medida voluntaria, legal e que busca compensar dalgunha maneira a perda de poder adquisitivo dos empregados públicos nesta época como consecuencia da eliminación de paga extra de Nadal por parte do Goberno central.