Volver ao contido

Orzamentos

A conselleira de Facenda afirma que a unión entre planificación e orzamentos reforzará as políticas públicas

A conselleira de Facenda afirma que a unión entre planificación e orzamentos reforzará as políticas públicas

Elena Muñoz Fonteriz presidiu a toma de posesión de Miguel Corgos López-Prado como director xeral de Planificación e Orzamentos da Consellería de Facenda

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, asegurou hoxe que integrar nunha soa Dirección Xeral as políticas de planificación e de orzamentos fortalecerá o sistema en todas as súas etapas e permitirá que o orzamento sexa un instrumento efectivo para a definición, execución e avaliación das políticas públicas.

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, asegurou hoxe que integrar nunha soa Dirección Xeral as políticas de planificación e de orzamentos fortalecerá o sistema en todas as súas etapas e permitirá que o orzamento sexa un instrumento efectivo para a definición, execución e avaliación das políticas públicas.


Muñoz Fonteriz, que presidiu a toma de posesión de Miguel Corgos López-Prado como director Xeral de Planificación e Orzamentos da Consellería de Facenda, resaltou o labor do anterior responsable de Planificación e Fondos, Francisco Javier Rodríguez Seijo, do que lembrou que foi capaz de impulsar un Plan Estratéxico, unha ferramenta esencial que permitirá planificar o futuro desta comunidades, tanto a medio como a longo prazo, en liña coa Estratexia Europa 2020.


A titular de Facenda engadiu que a unión destas dúas áreas potenciará a conexión entre os indicadores do Plan Estratéxico coa execución orzamentaria e permitirá interconectar a elaboración dos escenarios orzamentarios plurianuais coa planificación e programación ordenada dos recursos dispoñibles.


Ademais, explicou que para que Galicia encare nesta lexislatura de novo o crecemento non se poden facer políticas curtopracistas, senón que hai que deseñar un marco de actuación plurianual no que estean directamente implicadas todas as consellerías da Xunta de Galicia e, dun xeito moi importante, a de Economía e Industria, polo seu papel clave no deseño e implementación da política económica da Administración.


Sobre o director xeral que asume a nova competencia, subliñou que foi capaz de deseñar na pasada lexislatura uns orzamentos axeitados á realidade, contribuíndo de xeito decisivo a que Galicia sexa neste momento un exemplo polo rigor das súas contas públicas, por acadar a estabilidade orzamentaria e pola súa solvencia.


Pola súa banda, Miguel Corgos López- Prado agradeceu a confianza da conselleira de Facenda polo novo nomeamento, o traballo dos seus colaboradores na área de orzamentos e o apoio da súa familia.


Traxectoria
Miguel Corgos López-Prado é licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade da Coruña. Especialidade en Economía Financeira. Máster en auditoría de contas e Máster en Administración Financeira e Tributaria da antedita Universidade.


Pertence á Escala Superior de Finanzas da Xunta de Galicia na especialidade de Intervención e na de Inspección e Xestión Financeira e Tributaria. Diploma de directivo.
Foi profesor de Contabilidade e de Matemáticas Financeiras na Escola de Negocios de Galicia e en diversos programas Máster da Universidade de Santiago de Compostela.


Na Administración autonómica foi subdirector xeral de Control Financeiro Permanente da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; subdirector xeral de Control Orzamentario do Gasto da Dirección Xeral de Orzamentos; ademais de presidente da Sociedade Pública de Investimentos e de Autopista Central de Galicia S.A. Ata o de agora ocupaba o cargo de director xeral de Orzamentos da Consellería de Facenda.