Volver ao contido

Rexistro de persoas excluídas de acceso ao xogo de Galicia

Todas as persoas adultas que o desexen poden cubrir un formulario e ser inscritas neste Rexistro como persoa que, voluntariamente, renuncia a acceder a unha sala de bingo, a un casino ou a unha tenda de apostas.

Documentación que hai que presentar

  • Solicitude de inscrición no listado
  • Fotocopia do DNI, NIE ou pasaporte

 

A ter en conta

Non debe confundirse esta renuncia coas prohibicións normativas e que afectan nos salóns de xogo, bingos, casinos e tendas de apostas a menores de idade e a persoas maiores de idade que non se atopen en pleno uso da súa capacidade de obrar.

Non debe, así mesmo, confundirse esta renuncia con ningunha das seguintes prohibicións:

  • A de acceder a unha sala de bingo, a un casino ou a de formalizar apostas para as persoas que presenten síntomas de embriaguez, intoxicación por drogas ou alienación mental.
  • A de acceder a unha sala de bingo ou a de formalizar apostas para as persoas que porten armas ou obxectos que poidan utilizarse como tales.
  • A de formalizar apostas para os/as accionistas, partícipes ou titulares das empresas autorizadas para a organización e explotación das apostas, o seu persoal directivo e os/as seus/súas empregados/as.
  • A de formalizar apostas para os/as directivos das entidades participantes no acontecemento obxecto das apostas.
  • A de formalizar apostas para os/as deportistas, adestradores/as e participantes directos no acontecemento obxecto das apostas.
  • A de formalizar apostas para os/as xuíces ou árbitros que exerzan as súas funcións no acontecemento obxecto das apostas, así como as persoas que resolvan os recursos contra as decisións daqueles.
  • A de acceder a un casino para as persoas que, a xuízo do director do casino, poidan perturbar a orde, a tranquilidade e o desenvolvemento dos xogos ou poidan producir molestias ao resto de xogadores, por ter sucedido así en ocasións anteriores.

Tamén é diferente esta renuncia do dereito de admisión que teñan os locais de xogo autorizados.

 

Datos a ter en conta na inscrición no Rexistro de persoas excluídas que leva a Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro

  • As prohibicións terán carácter reservado.
  • A inscrición é voluntaria.
  • Existen formularios para solicitar a inscrición no Rexistro de persoas excluídas que debe acompañarse de fotocopia do DNI, NIE ou pasaporte da persoa solicitante.
  • Presentación na Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro, en calquera das unidades provinciais da consellería competente en materia de xogo, na sede electrónica da Xunta de Galicia ou en calquera dos lugares relacionados no artigo no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas , así como ante o encargado do servizo de admisión nas propias salas de bingo, tendas de apostas e nos casinos.
  • As prohibicións terán unha duración mínima de seis meses e o seu levantamento requirirá da tramitación previa do oportuno expediente.

 

Control do acceso de persoas incluídas no Rexistro de persoas excluídas

Será levado a cabo polo persoal dos locais de xogo autorizados responsable do servizos de admisión e control que deberán solicitar o DNI, NIE ou pasaporte a todas as persoas que pretendan acceder ao interior do local. O número do devandito documento será tecleado polo persoal encargado do control de acceso na plataforma web da Xunta de Galicia que devolverá como resposta se a persoa cuxo número de DNI ou documento equivalente está ou non incluído no Rexistro de persoas excluídas.

 

Normativa aplicable

  • Regulamento do  Xogo do Bingo, aprobado mediante o Decreto de Galicia 181/2002, do 10 de maio. Artigos 41 ao 43.
  • Regulamento de Apostas, aprobado mediante o Decreto de Galicia 162/2012, do 7de xuño. Artigos 3, 47, 49 e 50.
  • Regulamento de Casinos, aprobado mediante o Decreto de Galicia 37/2016, do 17 de marzo. Artigos 33 e  35.
  • Decreto de Galicia 147/2013, do 19 de setembro, polo que se modifica o Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia. Disposición transitoria segunda.