Volver ao contido

PO FEDER Galicia 2014-2020

A política de cohesión reformada, que representa máis dun terzo do orzamento total comunitario 2014-2020, converteuse na principal ferramenta de consecución dos obxectivos da UE para 2020. Instrumentalízase fundamentalmente a través de 3 fondos: FEDER, FSE e de Cohesión e vai dirixida a todas as rexións europeas.

 

Na elaboración do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020 interviñeron tanto as Administracións públicas involucradas (Comunitaria, Estatal, Autonómica e Local) como outras institucións e axentes económicos sociais galegos.

 

A Axuda FEDER asignada pola UE ao Estado español, que está vinculada á potenciación da política rexional comunitaria 2014-2020, ascende a 19.408,9 millóns de euros, que se articulará a través de Programas Operativos rexionais e plurirrexionais. A parte do FEDER nacional que se investirá en Galicia ao longo do período supoñerá 1.956,9 millóns de euros, dos que 883,4 corresponden ao PO FEDER Galicia e o resto aos Programas FEDER Plurirrexionais.

 

O Custo total previsto do presente Programa ascende a 1.104,2 millóns de euros, entre recursos públicos e privados, dos que o 80% corresponde á Axuda comunitaria (883,4 millóns de euros), o 16,2% corresponde ao cofinanciamento da Xunta de Galicia (178,9 millóns de euros), e o 3,8% restante será achegado polo sector privado nos Eixes 1, 3 e 4 (42 millóns de euros).

 

As actuacións que se cofinanciarán co PO FEDER Galicia 2014-2020 están relacionadas fundamentalmente co impulso das seguintes prioridades estratéxicas: a investigación e a innovación; as tecnoloxías da información e a comunicación; a competitividade das PEME; unha economía baixa en carbono; a adaptación ao cambio climático e a prevención de riscos; a protección ambiental e a promoción da eficiencia de recursos; a promoción da inclusión social e a loita contra a pobreza e a discriminación; e o investimento en educación e formación.

 

O Programa que se presenta detalla, para o período 2014-2020, unha estratexia rexional concertada FEDER para facer fronte aos principais retos do desenvolvemento económico de Galicia e acelerar a converxencia coa UE.

 

 

Union Europea