Volver ao contido

Orzamentos da UE 2014-2020

O orzamento da UE é diferente dos orzamentos nacionais. A UE non financia directamente a asistencia sanitaria ou a educación, como tampouco financia a policía ou as forzas armadas. A súa lóxica é paneuropea, non nacional. O seu pequeno tamaño en termos relativos permítelle concentrarse naqueles ámbitos nos que achega un elevado valor engadido para a UE. O orzamento da UE non pretende financiar iniciativas que os Estados membros poderían financiar por si mesmos. A súa razón de ser é que hai actividades que se han de financiar para que a UE poida funcionar ou porque poden levar a cabo de forma máis económica e efectiva mediante o financiamento colectivo do orzamento da UE. Existe para:

 

  • Financiar as políticas comúns que os Estados membros decidiron que deben levar a cabo a nivel da UE (como, por exemplo, a Política Agrícola Común).
  • Expresar a solidariedade entre todos os Estados membros e todas as rexións con obxecto de contribuír ao desenvolvemento das rexións máis pobres, o que á súa vez fai posible que a UE funcione como un único espazo económico (mediante a política de cohesión, por exemplo).
  • Financiar intervencións destinadas a completar o mercado interior que nin sequera os Estados membros máis prósperos poderían financiar por si sos. O orzamento da UE permite unha perspectiva paneuropea e non unha visión puramente nacional (por exemplo, mediante o financiamento de investimentos paneuropeas en infraestruturas). Tamén contribúe a eliminar a custosa duplicación de iniciativas entre distintos sistemas nacionais que perseguen en parte os mesmos obxectivos.
  • Lograr sinerxias e economías de escala facilitando a cooperación e a procura de solucións conxuntas a problemas que non poden ser resoltos polos Estados membros por si sos (por exemplo, o desenvolvemento de programas de investigación e innovación de vangarda a escala mundial, a cooperación en asuntos de interior, a migración e a xustiza).
  • Responder a desafíos persistentes e emerxentes que requiren unha postura común, paneuropea (por exemplo, nos ámbitos do medio ambiente, o cambio climático, a axuda humanitaria, a evolución demográfica e a cultura).

 

Nas conclusións sobre o Marco Financeiro Plurianual 2014-2020, o Consello Europeo, na súa reunión do 7 e 8 de febreiro de 2013, chegou ao acordo político de que a cifra total máxima de gasto da UE con 28 membros, para o período 2014-2020, será de 959.988 millóns de euros en créditos de compromiso (prezos 2011). Nas observacións xerais establécese que o orzamento da Unión Europea debe ser un catalizador do crecemento e o emprego en toda Europa e en particular servir de panca aos investimentos produtivos e en capital humano. Dentro do Marco Financeiro Plurianual 2014-2020, o gasto debe mobilizarse para apoiar o crecemento, o emprego, a competitividade e a converxencia, en consonancia coa Estratexia Europa 2020.


O Marco Financeiro Plurianual correspondente ao periodo 2014-2020 presenta a estrutura seguinte:

 

  • Rúbrica 1. Crecemento intelixente e integrador:
    • Subrúbrica 1a. Competitividade para o crecemento e o emprego.
    • Subrúbrica 1b. Cohesión económica, social e territorial.
  • Rúbrica 2. Crecemento sostible: recursos naturais.
  • Rúbrica 3. Seguridade e cidadanía.
  • Rúbrica 4. Europa global.
  • Rúbrica 5. Administración.
  • Rúbrica 6. Indemnizacións.

 

►Portal web do Marco Financeiro Plurianual 2014-2020
     (Comisión Europea)

 

Union Europea

 

 

 

Documentos asociados