Volver ao contido

Sucesións

CONSULTA V0003-18: Artigo 6. Dous do Decreto lexislativo 1/2011. Aplicación da redución por parentesco en caso de pacto de mellora de labrar e posuír.

CONSULTA V0003-18: Artigo 6. Dous do Decreto lexislativo 1/2011. Aplicación da redución por parentesco en caso de pacto de mellora de labrar e posuír.

O consultante e a súa esposa son titulares, baixo o réxime económico matrimonial de gananciais, dunha explotación mexilloeira composta por unha batea coa correspondente concesión administrativa e buque auxiliar.

Dada a indivisibilidade da explotación, pretenden facer entrega a un dos seus fillos da citada explotación ao amparo do disposto nos artigos 219 e seguintes da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, que regulan a chamada " mellora de labrar e posuír", establecendo de forma simultánea a obrigación de compensar a cada un dos seus dous irmáns e tamén a cada un dos proxenitores cedentes na parte que se considere, de acordo co estipulado no artigo 221 da norma citada.



CONSULTA:
Primeira: A explotación recibida por un dos fillos tería a consideración de adquisición mortis causa a efectos do Imposto sobre Sucesións e Doazóns para os adquirentes e de entrega mortis causa a efectos do IRPF dos cedentes?

Segunda: O valor da devandita adquisición sería o resultado de minorar o valor total da explotación recibida no importe das compensacións que deban ser entregadas aos seus dous irmáns e aos seus pais?

Terceira: As compensacións recibidas polos dous irmáns en virtude deste acto terían tamén a consideración de adquisicións mortis causa a efectos do Imposto sobre Sucesións e Doazóns e, en consecuencia, tanto o adquirente da explotación como cada un dos seus dous irmáns poderían beneficiarse das reducións de 400.000 euros previstas no artigo 6.2.b) do Decreto Lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado?

Cuarta: Que consideración a efectos tributarios terían as compensacións recibidas polos pais cedentes da explotación?

Quinta: No caso de que a compensación en metálico se aprace de acordo co disposto no artigo 221.2 da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, a garantía de cumprimento que debe outorgarse pode ser persoal ou require algunha outra cuestión formal que non aparece prevista na Lei para conservar os beneficios derivados da norma?

Sexta: No caso de que os dous fillos que deben recibir a compensación xa recibisen bens suficientes para cubrir a súa lexítima, o prazo de cinco anos indicado no artigo 221.2 da citada Lei 2/2006, de 14 xuño, de dereito civil de Galicia pode ser ampliado por acordo das partes, incluída a compensación dos pais, sen perder os beneficios inherentes á aplicación da norma indicada?

Sétima: Se finalmente se fai a entrega da explotación a un dos fillos establecendo unicamente a compensación aos seus dous irmáns, o valor da devandita adquisición a efectos do Imposto sobre Sucesións e Doazóns entenderíase minorado polas compensacións correspondentes aos seus dous irmáns e as compensacións recibidas por estes terían a consideración de adquisicións mortis causa e poderían beneficiarse das reducións do artigo 6.2.b) do Decreto Lexislativo 1/2011 xa citado?

Documentos asociados