Volver ao contido

Sucesións

CONSULTA V0002-19: Artigo 7. Catro do Decreto lexislativo 1/2011. Aplicación da redución pola adquisición de bens e dereitos afectos a unha actividade económica e participacións en entidades no caso de haber activos non afectos á actividade e transmisión posterior ó patrimonio persoal.

CONSULTA V0002-19: Artigo 7. Catro do Decreto lexislativo 1/2011. Aplicación da redución pola adquisición de bens e dereitos afectos a unha actividade económica e participacións en entidades no caso de haber activos non afectos á actividade e transmisión posterior ó patrimonio persoal.

O consultante manifesta que é titular da plena propiedade das participacións dunha empresa familiar ás que lles resulta de aplicación a exención do apartado 8 do artigo 4 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do Imposto sobre o Patrimonio (en diante LIP). No suposto caso de falecemento do mesmo, este desexa confirmar se na transmisión das devanditas participacións aos seus herdeiros, resultaríalles de aplicación a redución regulada no artigo 7.Catro (Redución por adquisición de bens e dereitos afectos a unha actividade económica e de participacións en entidades) do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado aprobado polo Decreto Lexislativo 1/2011, do 28 de xullo (en diante TRTCG).

CONSULTAS:

Primeira: Se no momento do falecemento do consultante existisen tanto activos afectos como outros non afectos ás actividades económicas da entidade, deséxase coñecer se a redución do artigo 7.Catro do TRTCG resultaría aplicable á proporción de participacións que si cumpren os requisitos do apartado 8 do artigo 4 da LIP.

Segunda: Na medida en que haxa unha proporción de participacións ás que non se lle aplique a redución do artigo 7.Catro do TRTCG, debido á existencia de activos non afectos ás actividades económicas da entidade, deséxase confirmar se os herdeiros poden transmitir os anteditos activos non afectos ao seu patrimonio persoal sen incumprir o requisito de mantemento regulado na letra d) do artigo 7.Catro do TRTCG. O consultante expón que a transmisión dos activos non afectos ao patrimonio persoal dos herdeiros podería executarse de dúas formas: Mediante unha distribución de prima de emisión ou redución de accións con cargo ao activo non afecto ou, mediante a entrega aos herdeiros dos propios activos non afectos a cambio da parte proporcional das súas participacións, para a súa posterior amortización. Apunta o consultante que ambas as alternativas poderían realizarse mediante a transmisión aos socios herdeiros dos propios activos non afectos, mediante a repartición da liquidez xerada no desinvestimento dos mesmos ou mediante un importe en diñeiro igual ao valor dos mesmos no caso de que os devanditos activos sexan ilíquidos. Neste último caso, matiza o consultante que o valor de mercado dos activos non afectos ilíquidos non superaría o 2% do valor de adquisición sobre o que se practicaría a redución.

Documentos asociados