Catálogo de Entidades Integrantes do Sector Público Autonómico
O Catálogo de Entidades Integrantes do Sector Público Autonómico recolle a información dos seguintes tipos de entes:
- Organismos Autónomos.- Recolle os organismos autónomos administrativos e os organismos autónomos comerciais, industriais e financeiros creados pola Comunidade Autónoma de Galicia..
- Entidades de Dereito Público.- Recolle as entidades de dereito Público creadas pola Comunidade Autónoma de Galicia
-
Sociedades Mercantís Públicas.- Recolle as sociedades mercantís públicas, distinguindo os seguintes supostos:
- Aquelas sociedades con participación directa e/ou indirecta da Comunidade Autónoma no 100% do seu capital social.
- Aquelas sociedades cunha participación directa e/ou indirecta da Comunidade Autónoma, dos seus organismos autónomos, entes de dereito público e demais sociedades públicas superior ao 50% e inferior ao 100%.
- As sociedades cunha participación directa e/ou indirecta da Comunidade Autónoma inferior ao 50% pero sobre as que a administración autonómica exerce un control público. Entenderase que existe control público naqueles casos nos que exista posición de dominio nos órganos de goberno da sociedade, ou cuxos ingresos proveñan en máis dun 50% de subvencións con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma ou ben que teñan que presentar a súa contabilidade consolidada coa súa matriz por aplicación das normas de contabilidade.
-
Fundacións.- Recolle as fundacións do sector público autonómico atendendo aos criterios fixados no artigo 58 da Lei 12/2006 de Fundacións de interese galego e distínguense:
- Aquelas constituídas maioritariamente ou na súa totalidade por apartacións da Administración da Comunidade Autónoma, ou por calquera outro dos organismos regulados no presente Catálogo.
- Aquelas cuxos ingresos proveñan maioritariamente de subvencións da Comunidade Autónoma, sempre que a Comunidade Autónoma forme parte dos seus órganos de goberno ou dirección.
- Consorcios.- Recolle os consorcios creados directamente pola Comunidade Autónoma ou que sexan financiados en máis dun 50% con cargo aos orzamentos da Xunta de Galicia, ou ben que teña unha posición de dominio nos seus órganos de goberno.
- Axencias Públicas.- Formarán parte do presente Catálogo aquelas axencias que se constitúan ao abeiro do establecido na Disposición Adicional Quinta do TRLRFO engadida pola Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia 2008.