Volver ao contido

Actualidade Orzamentaria

A Xunta aproba os orzamentos máis altos da súa historia con máis de 8.600 millóns para gasto social, o reforzo dos investimentos e novas rebaixas fiscais

A Xunta aproba os orzamentos máis altos da súa historia con máis de 8.600 millóns para gasto social, o reforzo dos investimentos e novas rebaixas fiscais

  • As contas do vindeiro ano ascenden a 11.627 millóns de euros
  • A Xunta baixará de novo os impostos aos galegos cun paquete de medidas tributarias
  • Máis do 90% dos contribuíntes beneficiaranse da nova baixada na tarifa autonómica do IRPF
  • En canto ao ITP, apróbase unha rebaixa do 10% co que o tipo xeral pasa do 10% ao 9%
  • Os orzamentos do vindeiro ano Inclúen máis de 2.500 millóns para investimentos e reforzan o compromiso do Goberno galego coas entidades locais e as universidades
  • Estes presupostos contan cos maiores recursos da historia para superar os niveis de riqueza prepandemia, apoiar ás familias e aos sectores económicos, blindar as infraestruturas sanitarias e volver á senda do crecemento san

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2021.- O Consello da Xunta deu luz verde hoxe ao proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2022, os presupostos máis altos da historia de Galicia con máis de 8.600 millóns de euros destinados a gasto social, o maior reforzo do investimento e con novas rebaixas de impostos que complementan e reforzan as xa aprobadas nos últimos anos.

A recuperación dos ingresos, o endebedamento responsable e a recuperación para as galegas e os galegos da mensualidade do IVE do ano 2017 retido polo Goberno central permiten aprobar uns orzamentos que ascenden a 11.627 millóns de euros, 56 millóns por riba do teito de gasto aprobado en verán, e un 6,9% superior ao actual tendo en conta que no ano 2021 dispuxemos do Fondo Covid non consolidable. Ademais, inclúen o menor gasto en xuros de débeda da serie histórica, que se sitúan nos 74,1 millóns.

O Orzamento para o 2022 é superior ao teito de gasto non financeiro aprobado en verán. A razón é que tal e como establece o punto 2 do Artigo 12 da Lei de Disciplina Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira, poden incorporarse novos ingresos non previstos nese momento.

O maior reforzo do gasto social e dos investimentos
Os Presupostos de 2022 reforzan un ano máis o gasto social (sanidade, educación e políticas sociais) e as políticas de emprego, toda vez que no vindeiro ano Galicia non disporá do Fondo Covid por tratarse dun fondo extraordinario con carácter non consolidable que o Goberno central retirou. Así, estas contas inclúen o maior gasto social da historia da Comunidade que ascende a 8.660 millóns de euros, 610 millóns máis que neste exercicio. Destinaranse 4.583 millóns á sanidade pública, 2.695 millóns ao ensino público, 987 millóns para políticas sociais, e 395 millóns para o emprego.

Por outra banda, o proxecto de lei aprobado hoxe polo Consello da Xunta inclúe un reforzo do investimento produtivo, de forma que o vindeiro exercicio, a Comunidade disporá de 2.554,5 millóns de euros para investimentos que permitirán pasar da reactivación á recuperación económica.

Os orzamentos tamén recollen a segunda anualidade do Fondo de Garantía de Infraestruturas Sanitarias de carácter plurianual. O seu obxectivo é blindar os investimentos necesarios durante toda a lexislatura en hospitais e centros de saúde. Este fondo permitirá mellorar os grandes centros hospitalarios, os hospitais comarcais e os novos Centros Integrais de Saúde. Para 2022 a segunda anualidade aumenta ata os 115 millóns de euros. Ademais, inclúen 84 millóns de euros para facer efectivo o incremento salarial do 2% aos empregados públicos.

Novas rebaixas de impostos
En materia de política fiscal, a Xunta baixará de novo os impostos ás galegas e aos galegos no vindeiro 2022 cun paquete de medidas tributarias que complementan e reforzan as xa aprobadas nos últimos anos.

No IRPF, ao igual que no 2016, vólvese rebaixar a tarifa autonómica para as rendas medias e baixas, o que beneficiará a máis do 90% dos contribuíntes. Con esta baixada, Galicia reforza a súa posición como unha das comunidades autónomas con menor tributación para estas rendas.

En canto ao Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP), apróbase unha rebaixa do 10%, co que o tipo xeral pasa do 10 ao 9% para reducir a tributación ás familias que adquiren unha vivenda favorecendo a dinamización do mercado inmobiliario. Mantéñense todos os tipos reducidos para os colectivos prioritarios e o ‘Programa Impostos 0 no rural'.

Polo que respecta ao imposto de Patrimonio mantense o mínimo exento e bonifícase un 25% a cota do imposto, co obxectivo de que Galicia se vaia adaptando ao seu entorno da Unión Europea.

Ademais, mantéñense as rebaixas no Imposto de Sucesións para que Galicia siga entre as CC.AA. con mellor tratamento fiscal para as herdanzas entre familiares directos e para os irmáns. O 99,9% das herdanzas por vía directa están exentas.

Compromiso coas entidades locais e as universidades
Os orzamentos do vindeiro ano tamén recollen o maior incremento de recursos para as entidades locais en toda a historia o que determina que dispoñan da maior achega de recursos autonómicos. Neste sentido, nas contas de 2022 o financiamento local medra en 81 millóns e acada os 488,6 millóns de euros. Por un lado, aumentan ata os 147 millóns os recursos dos mecanismos de Cooperación Local; e por outro, increméntanse en 72,3 millóns o resto de transferencias ás entidades locais.

Tamén se reforza o compromiso do Goberno galego coas universidades galegas e presupóstase a primeira anualidade do novo Plan de Financiamento Universitario 2022-2026, á que se destinan 469 millóns de euros para 2022, 25 millóns máis que neste ano.

En resumo, a Xunta vén de aprobar hoxe os orzamentos máis altos da súa historia que para trasladar ás persoas e ás empresas unha política útil. Estes presupostos buscan superar os niveis de riqueza previos á pandemia e apoiar ás familias e aos sectores económicos, baixan de novo os impostos, reforzan o gasto social e o investimento produtivo, controlan a débeda co menor gasto en xuros, blindan as infraestruturas sanitarias, modernizan os servizos públicos e volven á senda do crecemento san.