Volver ao contido

Actualidade Orzamentaria

A Xunta aproba un límite de gasto non financeiro para 2024 de 13.257 millóns de euros

A Xunta aproba un límite de gasto non financeiro para 2024 de 13.257 millóns de euros

  • É o teito de gasto máis alto da historia da Comunidade, un 5% superior ao orzamento deste exercicio
  • Actualízase á alza a previsión de crecemento para este ano co que Galicia medrará un 1,8%, unha décima máis do previsto nos orzamentos vixentes
  • Será a primeira vez en 16 anos que non se recorrerá a novo endebedamento

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2023.- O Consello da Xunta aprobou hoxe o límite de gasto non financeiro da Comunidade Autónoma para o exercicio 2024, que ascende a 13.257 millóns de euros, un 5% máis que o orzamento do presente exercicio. Así, Galicia disporá o vindeiro ano do teito de gasto non financeiro máis alto da historia da Comunidade.

A Xunta agardou o máximo posible polos datos que lle debe proporcionar o Goberno central como son as entregas a conta e o obxectivo de estabilidade orzamentaria, pero non pode agardar máis pois o compromiso é o de aprobar, como é habitual, as contas para o vindeiro ano en tempo e forma. 

Un ano máis, a Xunta de Galicia cumpriu co establecido na lei galega de disciplina orzamentaria de 2011 e aprobou o teito de gasto non financeiro, que agora será remitido ao Parlamento para o seu debate e posterior autorización. Este límite establece o máximo gasto que se pode acadar no proxecto de Lei de orzamentos xerais de Galicia.

Este teito está conformado por 13.326 millóns de euros de recursos non financeiros (recursos do sistema de financiamento, fondos finalistas e outros recursos non financeiros). Dentro deles, a partida máis importante é a dos ingresos procedentes do sistema de financiamento autonómico, que ascende a 10.206 millóns de euros, un 8,6% máis respecto do importe para 2023.

Pola súa banda, en canto aos ingresos finalistas, a previsión é que se incrementen nun 16,6%, ata os 1.693M€, e o apartado doutros recursos non financeiros ascende a 919 millóns. En canto aos recursos extraordinarios, para 2024 o montante do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia volve superar os 500 M€ por segundo ano consecutivo e chega aos 508 M€.

En total, apróbase un teito de gasto non financeiro de 13.257 millóns de euros que está composto por 13.326M€ de ingresos non financeiros cun axuste negativo de contabilidade nacional de 69 millóns de euros. Ademais, será a primeira vez en 16 anos que non se recorrerá a novo endebedamento.

Cadro macroeconómico
Ademais da aprobación do teito de gasto, a Xunta actualiza con prudencia o seu cadro macroeconómico para este exercicio: mellora tanto a estimación de crecemento do PIB como a taxa de paro para este 2023.

En canto ao crecemento da economía galega, o Goberno autonómico prevé un avance do 1,8% no 2023, unha décima máis do previsto nos orzamentos vixentes. En canto á taxa de paro, para este 2023, a Xunta prevé que a media do ano se sitúe por primeira vez desde hai 15 anos por debaixo do 10%, en concreto no 9,8%.

E, para 2024, seguirase a consolidar o crecemento económico, cunha taxa estimada no entorno do 2%, e a taxa de desemprego seguirá baixando, en concreto outras catro décimas, ata o 9,4%.