Volver ao contido

Actualidade Orzamentaria

A Xunta aproba un límite de gasto non financeiro para 2023 de 12.599 millóns de euros

A Xunta aproba un límite de gasto non financeiro para 2023 de 12.599 millóns de euros

  • É o teito de gasto máis alto da historia da Comunidade
  • Permitirá elaborar uns orzamentos que apoien ás familias e sectores máis vulnerables ante a inflación e seguir prestando uns servizos esenciais de calidade
  • Galicia recuperará no primeiro trimestre de 2023 e antes que a media de España, a riqueza prepandemia

 

Santiago de Compostela, 1 de agosto.- O Consello da Xunta aprobou hoxe o límite de gasto non financeiro da Comunidade Autónoma para o exercicio 2023, que ascende a 12.599 millóns de euros, un 8,2% por enriba do orzamento do presente exercicio e que supón dispoñer do teito de gasto máis alto da historia da Comunidade.

Este teito de gasto permitirá aprobar en tempo e forma uns orzamentos que apoien ás familias, sectores e empresas máis vulnerables ante a inflación; que garantan seguir prestando uns servizos esenciais de calidade; impulsen os proxectos financiados con fondos Next Generation;  e que sirvan para desenvolver o Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030 e avanzar cara a unha Galicia máis sostible, ecolóxica, climaticamente neutra e máis dixital.

Un ano máis, a Xunta de Galicia cumpriu co establecido na lei galega de disciplina orzamentaria de 2011 e aprobou o teito de gasto non financeiro, que agora será remitido ao Parlamento para o seu debate e posterior autorización. Este límite establece o máximo gasto que se pode acadar no proxecto de Lei de orzamentos xerais de Galicia.

Este teito está conformado por 12.469 millóns de euros de recursos non financeiros (recursos do sistema de financiamento, fondos finalistas e outros recursos non financeiros). Dentro deles, a partida máis importante é a dos ingresos procedentes do sistema de financiamento autonómico, que ascenderá a 9.402 millóns de euros, un 23,3% máis respecto do importe para 2022.

A segunda partida dos recursos non financeiros recolle os ingresos propios, por importe de 938 millóns de euros. E as transferencias finalistas ordinarias, que ascenden a 1.444 millóns de euros, inclúen os fondos estatais e fondos europeos. Estes fondos europeos  corresponden ao último ano de execución do marco financeiro 2014-2020 e ao primeiro ano de execución do marco operativo 2021-2027.

Por último, e no que se refire aos recursos de carácter extraordinarios, inclúense os fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e os Fondos React-EU-, por un importe de 685 millóns de euros.

Ademais, Galicia vai continuar na súa senda de redución de déficit, sen sobrepasar a taxa de referencia do 0,3%, o que permitirá empregar uns recursos adicionais por importe de 189 millóns de euros.

Cadro macroeconómico
Ademais da aprobación do teito de gasto, a Xunta vén de actualizar con extremada prudencia o seu cadro macroeconómico tendo en consideración as circunstancias actuais: a invasión de Ucraína e a inflación persistente. 

Neste sentido, o Goberno galego prevé que Galicia recuperará no primeiro trimestre de 2023 e antes que a media de España, a riqueza prepandemia. Este crecemento permitirá seguir creando emprego, para chegar a finais de 2023 a unha taxa de paro por debaixo do 10%.