Volver ao contido

Actualidade Orzamentaria

A Xunta aproba o Orzamento máis alto da historia que ascende a 13.257M€ para investir en estabilidade, nas persoas e no futuro

A Xunta aproba o Orzamento máis alto da historia que ascende a 13.257M€ para investir en estabilidade, nas persoas e no futuro

  • As contas medran un 5% con respecto ás vixentes e non recorrerán ao endebedamento por primeira vez en 16 anos 
  • Reforzan un ano máis o gasto social que supera os 9.700M€, e será o máis alto da historia da Comunidade
  • Destinan máis de 2.800 millóns a investimentos, un 2,4% máis que no 2023 cun esforzo investidor acumulado nesta lexislatura que supera os 10.500M€
  • Os orzamentos do vindeiro ano consolidan todas as rebaixas fiscais en vigor e inclúen dous novos incentivos para a compra de inmobles e automóbiles usados

 

Santiago de Compostela, 18 de ourubro.- O Consello da Xunta deu luz verde hoxe ao proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2024, os presupostos máis altos da historia de Galicia que ascenden a 13.257 millóns de euros para investir en estabilidade, nas persoas e no futuro.

As contas do vindeiro ano medran un 5% en relación ás de 2023, garanten o crecemento estable; consolidan todas a rebaixas de impostos en vigor e inclúen novos incentivos fiscais; reforzan o gasto social e os investimentos e todo iso sen recorrer ao endebedamento por primeira vez en 16 anos.

Estabilidade, persoas e futuro
Os recursos orzamentarios de 2024 están orientados a tres obxectivos principais: investir en estabilidade, investir nas persoas, e investir no futuro.

Así, os presupostos do ano que vén invisten en estabilidade cunhas finanzas solventes, que non xeran débeda e que consolidan os beneficios fiscais aos galegos e ás galegas para ser unha das comunidades cun mellor tratamento ás rendas medias e baixas. Investir en estabilidade permite ter contidos os gastos en xuros cun aforro de 490M€ na lexislatura; ser a comunidade autónoma que menos incrementou a débeda desde o ano 2008; ou estar entre as comunidades con menor necesidade de esforzo para a consolidación fiscal.

En segundo lugar, invisten nas persoas para reforzar os servizos públicos autonómicos e reforzar tamén o apoio aos galegos e galegas que máis o precisan; apostan pola modernización do servizo de saúde; a inclusión de novas prestacións; o reforzo dos servizos sociais, en especial a atención aos maiores; reforzan o apoio ás familias e as políticas de vivenda; e impulsan medidas de integración no mercado de traballo e loita contra a exclusión. Neste marco, destinaranse 255M€ a atención hospitalaria; 61M€ para infraestruturas e equipamentos en atención primaria; 27,5M€ para a construción de vivendas en alugueiro social; 25M€ para o programa de atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio; 16,2M€ para o bono deportivo; 14,8M€ para o centro de protonterapia;  14,5M€ para a inclusión social de colectivos vulnerables; 7,7M€ para redimensionar a oferta de formación profesional; o bono coidado universal para persoas con dependencia atendidas no seu domicilio de 5.000€ ao ano; ou o complemento de 1.200€ para as persoas que reciban unha axuda para residencias privadas.

E, en terceiro lugar, son unhas contas que invisten no futuro, que sentarán as bases do crecemento e do emprego futuros, fomentando o desenvolvemento dos proxectos transformadores que Galicia está a impulsar para a transición dixital, ecolóxica e enerxética, aproveitando os fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. Neste bloque inclúense 14,3M€ para o Centro de Ciberseguridade de Galicia e xestión intelixente; 14M€ para emprendemento e competitividade; 9,1M€ para a descarbonización das pemes e incentivos ás enerxías renovables; 8M€ para o polo de tecnoloxías cuánticas; 5M€ para o Centro de formación avanzada en transición dixital e verde na Cidade das TIC; 12M€ para a promoción da Tenreira Galega; ou 11M€ para investimentos en tecnoloxías forestais.

O maior reforzo do gasto social e dos investimentos
Os Presupostos de 2024 reforzan un ano máis tanto o gasto social tradicional (sanidade, educación e políticas sociais) como o gasto para o fomento do emprego. Así, estas contas inclúen o maior gasto social da historia da Comunidade que ascende a 9.774 millóns de euros (1.234 millóns máis que hai tres anos) para sanidade, ensino, políticas sociais e emprego. 

No 2024 destinaranse 5.165 millóns á sanidade pública, 2.858 millóns ao ensino público, 1.303 a políticas sociais, e 448 millóns para o emprego. 

Por outra banda, o proxecto de lei aprobado hoxe polo Consello da Xunta inclúe tamén un reforzo do investimento produtivo, de forma que o vindeiro exercicio, a Comunidade disporá de 2.838 millóns de euros para investimentos, un 2,4% máis que no 2023. Se se ten en conta o esforzo investidor acumulado nesta lexislatura, nos últimos catro anos a cifra supera os 10.500 millóns de euros.

Política fiscal e novas rebaixas de impostos
En materia de política fiscal, a Xunta conta cun modelo fiscal propio e previsible, que inclúe rebaixas tributarias que priorizan cada ano ás rendas medias e baixas e con colectivos prioritarios: os mozos e mozas menores de 36 anos; as familias numerosas; as persoas con discapacidade ou as vítimas de violencia de xénero.

Os orzamentos do ano que vén consolidarán todas as rebaixas fiscais postas en marcha ata o momento. Neste marco, hai que lembrar que a Xunta xa aprobou en materia de IRPF catro rebaixas do tramo autonómico desde o ano 2014 grazas ao que Galicia se sitúa hoxe como a 3º comunidade autónoma con mellor tratamento fiscal para rendas de ata 20.000€. É ademais, a comunidade con mellor tratamento fiscal no Imposto de Sucesións, pois o 99,9% das herdanzas de un familiar directo non tributan; e foi pioneira en España en implantar un programa: ‘Impostos 0 no Rural'.

Como novidade, na declaración do IRPF do ano 2024 as familias con dous fillos xa poderán deducir 250€, dedución que ata agora tiñan as familias numerosas e que agora se duplica, ata os 500€. Ademais, por cada fillo a maiores, a partir de tres, esta dedución, incrementarase noutros 250€.

En canto ao Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP), o vindeiro ano rebáixase un punto o tipo xeral para a compra de inmobles usados (pasa do 9% ao 8%), que se suma a outro punto que xa se baixara no ano 2022; rebáixase máis da metade o ITP para a compra de vehículos usados (do 8 ao 3%), e elimínase o imposto para as compras de vehículos cualificados de ‘baixas emisións'.


En definitiva, son unhas contas con máis recursos ca nunca, que invisten en estabilidade cunhas finanzas solventes e que consolidan os beneficios fiscais para os galegos e as galegas; que invisten nas persoas co reforzo dos servizos públicos e o apoio aos que máis o precisan; e que invisten no futuro con investimentos produtivos en transición verde e dixital para sentar as bases do crecemento e do emprego futuros.