Retribucións do persoal directivo das entidades do sector público
A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galicia no artigo 53.bis, establece criterios de racionalización do gasto de persoal, autorizando ao Consello da Xunta para adecuar o réxime económico dos órganos de goberno e dirección das entidades do sector público autonómico a criterios obxectivos.
O Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno e dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público, establece os criterios obxectivos para clasificar estas entidades:
- A natureza xurídica e características da entidade e do sector no que opera
- Número de efectivos de persoal
- Cifra de negocios
- Volume de investimentos
- Resultados da entidade
- Prelación nos obxectivos no Plan Estratéxico de Galicia
A clasificación inicial derivada da aplicación destes parámetros realizouse por Orde da Conselleira de Facenda, do 8 de xuño do 2012, pola que se establece a clasificación inicial das entidades incluídas no ámbito de aplicación do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo do sector público autonómico.
As retribucións indicadas só se refiren ás retribucións fixas de cada un dos postos directivos e non inclúen os complementos persoais de antigüidade, carreira profesional ou complemento de expatriación, e axústanse ao disposto no Anexo do Decreto e ao establecido na disposición adicional primeira do mesmo.