Volver ao contido

Dirección Xeral de Simplificación Administrativa

Presentación

A Dirección Xeral de Simplificación Administrativa configúrase como o órgano central de impulso de  ciudadanía no ámbito dos servizos públicos e da contratación pública, co obxectivo de acadar  unha Administración pública eficaz, eficiente, proactiva e orientada á prestación de servizos de calidade á  ciudadanía, así como de velar polo cumprimento da política de integridade institucional.

Gráfica da estrutura

Descrición das competencias

A. En materia de funcionamento dos servizos públicos:

  1. A planificación e coordinación de auditorías relativas ao funcionamento dos centros, servizos e unidades, dentro do seu ámbito de actuación, para a detección de posibles deficiencias, emitindo o correspondente informe e propoñendo medidas correctivas ou evolutivas dirixidas ao órgano competente para a súa adopción.
  2. O labor de control establecido na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, en relación cos procesos de creación de novas entidades instrumentais ou de integración no sector público autonómico doutras existentes, a través da análise e do informe sobre a súa procedencia, tendo en conta razóns de eficacia, autonomía de xestión e non duplicidade.
  3. A coordinación e supervisión dos sistemas de verificación do cumprimento da normativa vixente en materia de xornada laboral, así como, en coordinación coa Dirección Xeral da Función Pública, as funcións que correspondan en materia de teletraballo.
  4. O deseño e coordinación dos sistemas de avaliación do desempeño e de rexistro de actividade.
  5. A coordinación e o impulso da instauración e a consolidación da cultura da xestión por obxectivos e a rendición de contas, e a colaboración coas unidades para a súa implantación eficaz.
  6. En xeral, aquelas funcións de información, investigación, inspección, auditoría e control que lle sexan encomendadas pola persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública.

B. En materia de calidade dos servizos públicos:

  1. A colaboración cos distintos departamentos da Administración autonómica no deseño e implantación de servizos públicos, baseados na escoita activa, no acompañamento de feitos vitais, na diversidade xeracional e na análise personalizada das necesidades da cidadanía, e na oferta de servizos ou procesos que poidan resultar do seu interese.
  2. A promoción da realización de estudos de análise da demanda de servizos públicos e da avaliación do grao de satisfacción das persoas usuarias.
  3. A promoción da participación da cidadanía no deseño dos servizos públicos coa finalidade de que resulten máis próximos, confiables, eficientes e transparentes.
  4. O impulso dos instrumentos e documentos de xestión e mellora da calidade dos servizos do sector público autonómico de Galicia.

C. En materia de racionalización e simplificación dos procedementos administrativos:

  1. A promoción, planificación e coordinación dos procesos de racionalización, simplificación e modernización, harmonización, accesibilidade e afabilidade dos procedementos administrativos, mediante a optimización de trámites e documentos, e a redución de cargas administrativas, o emprego xeneralizado de comunicacións previas e declaracións responsables, a lectura fácil e a implantación da administración electrónica, coa finalidade de mellorar a confianza e a resposta á cidadanía e ás empresas.
  2. A emisión de informe, con carácter preceptivo e previo á súa aprobación e posterior publicación no Diario Oficial de Galicia, sobre os proxectos de disposicións de carácter xeral que regulen procedementos administrativos por instancia de parte, as bases reguladoras e as convocatorias de subvencións, así como o establecemento de servizos á cidadanía e ao persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e demais entidades integrantes do sector público autonómico.
  3. A emisión de informe para a incorporación ao inventario de información administrativa e á sede electrónica dos procedementos administrativos iniciados de oficio na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
  4. A coordinación cos órganos e coas entidades do sector público autonómico dos contidos e dos servizos dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia.
  5. O impulso, en coordinación co órgano ou entidade con competencias horizontais en materia de administración electrónica, das actuacións que contribúan á mellora e ao desenvolvemento da interoperabilidade na Comunidade Autónoma de Galicia e á implantación progresiva do uso de medios telemáticos, tanto nas relacións da cidadanía co sector público autonómico como nas actuacións de carácter interno deste, así como na relación con outras administracións.
  6. A elaboración e mantemento actualizado da Guía de procedementos e servizos, que está á disposición da cidadanía na sede electrónica da Xunta de Galicia.
  7. A colaboración e coordinación na aplicación da normativa europea relativa ao acceso en liña á información, procedementos administrativos e servizos ou asistencia para a cidadanía e as empresas europeas a través do Portal Your Europe.

D. En materia de transparencia, información administrativa e atención á cidadanía:

  1. A supervisión do cumprimento das obrigas de publicidade activa do sector público autonómico e do dereito de acceso da cidadanía á información pública, de conformidade coa normativa reguladora en materia de transparencia.
  2. O desenvolvemento das accións e, se é o caso, a implantación de catálogos que permitan incrementar o nivel de calidade e transparencia da información pública que difunde o sector público autonómico a través do Portal de transparencia e goberno aberto.
  3. A xestión e a coordinación funcional do Sistema integrado de atención á cidadanía (Siaci).
  4. A actuación funcional como oficina de defensa das persoas usuarias dos servizos públicos do sector público autonómico, de acordo co indicado no artigo 25 da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, tendo en conta a avaliación anual das suxestións e queixas presentadas pola cidadanía.
  5. A garantía, en coordinación coas secretarías xerais técnicas das respectivas consellerías, da axeitada tramitación das suxestións e queixas presentadas pola cidadanía, coa excepción dos ámbitos sanitario, educativo e xudicial, ante a Oficina de defensa das persoas usuarias dos servizos públicos do sector público autonómico, co obxecto de mellorar a calidade na prestación dos servizos públicos.

E. En materia de integridade institucional:

  1. O impulso da política de integridade institucional da Administración autonómica e a colaboración na instrumentación dunha infraestrutura ética sólida, cos mecanismos axeitados para que a conduta dos responsables políticos e do persoal empregado público sexa exemplar, e a consolidación da transparencia, a integridade e a rendición de contas na toma de decisións.
  2. A xestión e a coordinación funcional da canle de denuncias en materia de integridade institucional.
  3. A realización da investigación preliminar das denuncias que se tramiten a través da canle de denuncias e o outorgamento do tratamento que proceda.
  4. A actuación como Oficina de protección das persoas informadoras, nos termos establecidos pola Directiva (UE) 2019/1937 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2019, relativa á protección das persoas que informen sobre infraccións do dereito da Unión, e na normativa de desenvolvemento desta materia.
  5. A coordinación, impulso e colaboración na elaboración e actualización dos plans de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude.
  6. O impulso, en colaboración coa Asesoría Xurídica Xeral, da mellora da calidade normativa, baseada nos principios de boa regulación, no fomento da participación cidadá no proceso de produción normativa e da súa pegada, e na comprensión das normas xurídicas pola cidadanía.

F. En materia de estruturas orgánicas e relacións de postos de traballo:

  1. A avaliación, desde o punto de vista funcional, das propostas de estrutura orgánica e relación dos postos de traballo, co obxecto de conseguir unha Administración pública eficaz e eficiente. Os órganos competentes en materia de persoal das consellerías deberán solicitar o informe da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa con carácter previo á solicitude do informe da Dirección Xeral da Función Pública e da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos sobre as estruturas orgánicas e as relacións de postos de traballo. De non ser emitido no prazo máximo de oito días naturais, o informe da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa entenderase favorable.
  2. A realización de estudos sobre a dimensión dos cadros de persoal, propondo as medidas necesarias sobre a reasignación de efectivos en función das cargas de traballo soportadas polas distintas unidades administrativas para conseguir un mellor funcionamento dos servizos.

G. En materia de contratación:

  1. A Presidencia da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma, de acordo co establecido no Decreto 237/2007, do 5 de decembro, polo que se crea a Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a súa composición e funcións.
  2. A organización, mantemento e custodia do Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co Decreto 262/2001, do 20 de setembro, polo que se refunde a normativa reguladora do Rexistro Xeral de Contratistas.
  3. A organización, mantemento e custodia do Rexistro de Contratos do Sector Público Autonómico de Galicia, de acordo co Decreto 103/2016, do 28 de xullo, polo que se regula.
  4. A mellora dos sistemas de contratación da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das súas entidades instrumentais, co fin de homoxeneizar e informatizar a totalidade dos sistemas de contratación e de garantir a máxima transparencia nos procesos, incluíndo, se é o caso, as investigacións que resulten necesarias.
  5. O impulso de estratexias de racionalización de compra pública, atendendo á previsión das directivas comunitarias e demais normativa de transposición e desenvolvemento.
  6. O fomento dunha contratación pública máis eficaz, reducindo cargas administrativas e custos de cumprimento.

Edificio Administrativo de San Caetano, s/n 15781 Santiago de Compostela

981 54 54 72

Jesús  Oitavén Barcala
Director Xeral

Silvia  López Blanco
Secretaria do Director Xeral

951 54 54 72