A deflactación dos tramos autonómicos do IRPF aplicada pola Xunta permite aforrar aos contribuíntes galegos 128 M€ desde o 2022

Na campaña deste ano seguen vixentes as numerosas medidas de alivio fiscal postas en marcha polo Goberno galego nos últimos anos para loitar contra a suba de prezos e que posibilitaron un aforro de 128 M€ desde o ano 2022. Así, os contribuíntes galegos volverán aplicar a deflactación dos tres primeiros tramos autonómicos do IRPF e a rebaixa do primeiro tramo e do incremento dos mínimos persoal e familiar incrementados nese mesmo ano.
As deducións autonómicas establecidas pola Xunta permitirán aforrar aos contribuíntes galegos máis de 34 millóns de euros na campaña da renda 2024 o que suporá en total uns 160 M€ menos. Iso se desprende dun informe sobre a campaña do IRPF 2024 presentado polo Conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, ao Consello da Xunta.
Ademais, Galicia foi a primeira comunidade en equiparar fiscalmente no IRPF ás familias de dous fillos coas familias numerosas. Deste xeito, as familias con dous fillos poden deducir 250€, un incentivo que ata o 2023 tiñan as familias numerosas (250€ as de categoría xeral e 400€ as de especial) que se dobrou para as familias de tres fillos (500€). En total son case 190.000 familias, entre numerosas e con dous fillos, as que resultarán beneficiadas na súa declaración. Esta cantidade increméntase noutros 250€ por cada fillo a maiores (a partir de tres). Tamén están vixentes deducións referidas ao nacemento ou adopción de fillos, ao coidado de fillos menores, ás persoas con discapacidade de 65 ou máis anos que precisen axuda de terceiros e ao acollemento familiar.
Abundando nas medidas de protección ás familias, na campaña da renda de 2024 os contribuíntes galegos terán unha mellora na dedución por acollemento familiar, de forma que aplicarán sempre 300 € con independencia da súa duración.
Deducións para vivenda
No que se refire a deducións por vivenda, para aluguer poden acollerse os contribuíntes de idade igual ou inferior a 35 anos. Tamén se aplican para os investimentos en instalacións de climatización e/ou auga quente sanitaria que empreguen enerxías renovables na vivenda habitual, e para obras de mellora de eficiencia enerxética en edificios de vivendas ou en vivendas unifamiliares, así como polos gastos dirixidos ao uso de novas tecnoloxías nos fogares galegos.
Tamén se establecen vantaxes fiscais para a rehabilitación de bens inmobles en centros históricos e para a adquisición ou rehabilitación de vivendas en aldeas modelo.
No que se refire ás empresas, existen deducións por investimento en empresas agrarias, pola compra de accións ou participacións en entidades novas ou de recente creación, por investimentos realizados en entidades cotizadas no mercado alternativo bolsista, por donativos a centros de investigación de universidades galegas e dos promovidos ou participados pola Xunta.
Para seguir apoiando ás empresas galegas, na presente campaña habilitouse, ademais, unha nova dedución para os contribuíntes que adquiran accións ou participacións en empresas de especial interese público, social ou económico conforme á lei reguladora dos proxectos que utilizan recursos naturais de Galicia. A porcentaxe de dedución é do 20%, e aplicarase sobre a base constituída polas cantidades investidas no exercicio, cunha base máxima total de 10.000 € por entidade.
Tamén os deportistas de alto nivel poden deducir as axudas e subvencións recibidas.
A Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) prestará asistencia presencial –con 36 efectivos e seis coordinadores que estarán presentes nas sete plataformas da Axencia Estatal da Administración Tributaria-, telefónica e videoasistencia aos contribuíntes galegos durante a campaña da renda que comeza o mércores 2 de abril. Ata o 6 de maio a declaración só se poderá presentar de xeito telemático, pero ese día comeza a atención telefónica do Plan Chamámoslle para obter asistencia telefónica na confección da declaración. A partir do 2 de xuño dará comezo a atención presencial aos cidadáns que prefiran atender as súas obrigas tributarias do IRPF deste xeito.