Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

Preto de 500 persoas optarán ás 19 prazas de emprego público para persoas con discapacidade intelectual

Preto de 500 persoas optarán ás 19 prazas de emprego público para persoas con discapacidade intelectual

  • Un operativo formado por unhas 56 persoas encargarase de que o proceso selectivo se desenvolva de xeito correcto e con total seguridade.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2025.- Preto de 500 persoas (473) están chamadas a participar na oposición que se celebrará mañá sábado, a partir das 10 da mañá, no recinto da Feira Internacional de Silleda para acceder a 19 prazas de emprego público de acceso libre reservadas para persoas con discapacidade intelectual.

Trátase do quinto proceso que desenvolve a Xunta de Galicia para persoas con discapacidade intelectual, sendo a primeira vez que unha delas forma parte do tribunal que deberá cualificar o proceso selectivo.

Por outra banda, está previsto que a finais deste ano teñan lugar os primeiros exercicios dos procesos para o ingreso na escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de limpeza e cociña (AP) e no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de servizos xerais, subgrupo C2. Todas estas prazas están tamén reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual. 

Operativo de seguridade
Un operativo formado por aproximadamente 56 persoas, entre os que se atopan psicólogos/as e auxiliares de clínica, controlará que o proceso selectivo se desenvolva de xeito correcto e con total seguridade. O recinto feiral de Silleda disporá tamén dunha ambulancia, habilitada pola Administración galega para atender calquera incidencia que se puidese producir durante a realización da proba.

As persoas que concorran a este proceso selectivo poderán consultar toda a información relativa á proba no portal corporativo: https://www.xunta.gal/funcion-publica