Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

Preto de 4.300 persoas están chamadas a participar esta fin de semana nas oposicións para 274 prazas de emprego público

Preto de 4.300 persoas están chamadas a participar esta fin de semana nas oposicións para 274 prazas de emprego público

  • Un operativo formado por unhas 207 persoas controlará que todos os procesos selectivos se desenvolvan de xeito correcto e con total seguridade

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2024.- Un total de 4.256 aspirantes están chamados a participar nas oposicións que se celebrarán esta fin de semana no recinto da Feira Internacional de Silleda para acceder a 274 prazas de emprego público de acceso libre.

As probas comezarán mañá sábado, ás 9,00 horas da mañá para cubrir 42 prazas da especialidade de recursos naturais e forestais do subgrupo AP ás que están convocadas 808 persoas; e a partir das 15.30 h. será a quenda dos 884 aspirantes convocados para 96 prazas da escala técnica de xestión ambiental B/C1.

O domingo 17 de novembro ás 9.00 h. realizarase o proceso selectivo para a escala superior de orientación laboral A1, no que están chamadas a participar 474 persoas para 6 prazas; e a partir das 15.30 h. terá lugar o exame para a escala técnica de orientación laboral A2 con 2.090 aspirantes admitidos e 130 prazas ofertadas.

Operativo de seguridade
Un operativo formado por aproximadamente 207 persoas controlará que todos os procesos selectivos se desenvolvan de xeito correcto e con total seguridade. O recinto feiral de Silleda disporá tamén dunha ambulancia, habilitada pola Administración galega para atender calquera incidencia que se puidese producir durante a realización das probas. 

As persoas que concorran a estes procesos selectivos poderán consultar toda a información relativa ás probas e ás medidas de seguridade no portal corporativo https://www.xunta.gal/funcion-publica.

Desde o último trimestre de 2023 ata agora, convocáronse 40 procesos selectivos, dos que 22 foron de acceso libre, 15 de promoción interna separada e tres para persoas con  discapacidade intelectual. 

O total de prazas convocadas relativo a estes procesos ascende a 1.495 e recibíronse 21.534 solicitudes.