Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

O vehículo autónomo galego participará nos proxectos do programa Retech sobre ciberseguridade

O vehículo autónomo galego participará nos proxectos do programa Retech sobre ciberseguridade

  • O autobús eléctrico sen condutor (Shuttle autónomo) do Centro Tecnolóxico da Automoción (CTAG) será usado pola Universidade de Vigo nos proxectos piloto sobre mobilidade intelixente e ciberseguridade
  • O Consello de Goberno aprobou unha modificación do convenio asinado en outubro pasado para a creación dunha rede de laboratorios e centros demostradores para a investigación e innovación en solucións de ciberseguridade por parte do Instituto Tecnolóxico de Galicia, o CTAG, a UVigo e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant)
  • A rede de laboratorios e centros demostradores forma parte do proxecto RETECH para a creación dun Centro de Innovación e Competencia en Ciencias da Saúde, Transporte Intelixente, Industria Conectada e Excelencia Operativa no ámbito da ciberseguridade no que participan Galicia, Cataluña e a Comunidade Valenciana
  • Galicia lidera no proxecto trans-rexional os aspectos relacionados coa ciberseguridade no transporte intelixente
  • Os laboratorios dedicarán a súa actividade a aspectos como vehículos aéreos non tripulados, tecnoloxías 5G e 6G ou sistemas intelixentes de transportes
  • O importe total do convenio é de 8,4 millóns de euros, dos que a Xunta aporta un 75% con parte de fondos europeos

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2025.- O Consello de Goberno da Xunta de Galicia aprobou hoxe unha modificación do convenio que está a permitir a creación en Galicia dunha rede de laboratorios e centros demostradores para a investigación e innovación en solucións de seguridade  no marco do proxecto Retech no que Galicia participa xunto con Cataluña e a Comunidade Valenciana.

Esta modificación permite que a Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia colaboren para o uso en proxectos pilotos do vehículo eléctrico sen condutor desenvolvido por este último (Shuttle autónomo).

En concreto, a addenda ao convenio modifica tres cláusulas texto asinado en outubro do pasado ano para facultar a colaboración entre as partes asinantes e redistribuír o orzamento. Isto permitirá que a Universidade de Vigo e o CTAG colaboren para o desenvolvemento conxunto de actividades relacionadas coa ciberseguridade, a conectividade vehicular e o transporte intelixente. Ambas entidades crearán un laboratorio demostrador conxunto coas tecnoloxías do Shuttle conectado (vehículo lanzadeira eléctrico e autónomo). Esta colaboración inclúe a realización de simulacións e análise de ameazas de cibereseguridade asociadas á comunicación entre vehículos e infraestruturas.

O acordo fora asinado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a Universidade de Vigo (UVIgo), o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant).

Esta rede de laboratorios forma parte do proxecto  Centro de Innovación e Competencia en Ciencias da Saúde, Transporte Intelixente, Industria Conectada e Excelencia Operativa no ámbito da ciberseguridade, no que, ademais de Galicia, participan Cataluña e a Comunidade Valenciana. Trátase dunha das iniciativas do Programa de Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica (Retech). Este proxecto común de ciberseguridade ten un orzamento de case 58 millóns de euros, dos que cerca de 19 millóns corresponden a Galicia. Está financiado nun 75% a través do Retech e o 25% restante é aportado polas CC AA.

Galicia lidera os aspectos relacionados coa ciberseguridade no transporte intelixente no centro trans-rexional. O convenio permitirá, entre outros aspectos, crear unha rede de laboratorios que servirán como campo de probas e contorna de formación. O acordo tamén permite o desenvolvemento de ferramentas de ciberseguridade para o espazo aéreo de vehículos non tripulados, para as tecnoloxías 5G e 6G ou para sistemas intelixentes de transporte.

ITG encárgase do deseño e fabricación dun laboratorio móbil avanzado para auditorías de ciberseguridade do espazo aéreo de vehículos non tripulados (UAS) e do desenvolvemento de software necesario para a detección de ciberameazas, caracterización e auditoría de ciberseguridade do espazo aéreo próximo e para simulación de ameazas.
 
Á Universidade de Vigo correspóndelle a creación dun laboratorio de seguridade, privacidade e confianza en 5G/6G, con diferentes iniciativas de despregue de infraestrutura e demostradores no ámbito da ciberseguridade nas comunicacións necesarias no transporte intelixente.
 
CTAG responsabilizase da posta en marcha dun laboratorio centrado na ciberseguridade no ámbito da automoción, despregando as capacidades necesarias para a súa validación no vehículo autónomo e conectado.

A Universidade de Vigo e o CTAG traballarán conxuntamente para a integración da infraestrutura 5G/6G da UVigo coas tecnoloxías de Shuttle conectado e outros desenvolvementos do CTAG para a creación dun laboratorio demostrador conxunto; e para realización de simulacións e análises de ameazas de ciberseguridade asociadas á comunicación entre vehículos e infraestruturas, combinando a experiencia de investigación científica da UVigo coa capacidade de transferencia tecnolóxica e industrial do CTAG.
 
Gradiant abordará a creación dun laboratorio da ciberseguridade 5G especializado en validar os diferentes compoñentes dunha rede 5G. Así mesmo, desenvolverá e validará novas tecnoloxías que se integrarán en redes 5G e avaliará aspectos de ciberseguridade asociados a aplicacións e servizos no ámbito do transporte intelixente. Abordará tamén a posta en marcha dun laboratorio de ciberseguridade industrial, que dará soporte para o desenvolvemento de produtos, solucións ou servizos innovadores sobre unha infraestrutura real que facilite a súa validación. Realizará tamén demostracións do funcionamento e eficacia de diversas tecnoloxías de ciberseguridade industrial.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia coordinará a rede de laboratorios. A Axencia tamén porá en marcha un laboratorio transversal no Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia en Ourense, que non forma parte deste convenio.

As actuacións do convenio teñen un orzamento de 8,4 millóns de euros, dos que un 75% serán aportado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia con fondos do Retech.