Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

O Programa Estatístico da Xunta de Galicia para 2025 inclúe 161 estatísticas sobre territorio, poboación, sociedade, estrutura produtiva e tecnoloxía

O Programa Estatístico da Xunta de Galicia para 2025 inclúe 161 estatísticas sobre territorio, poboación, sociedade, estrutura produtiva e tecnoloxía

  • Recolle novas estatísticas sobre mercado laboral, vivenda, deporte, acuicultura e sector forestal.
  • Este é o cuarto programa do Plan Galego de Estatística 2022-2026, que consolida e amplía os logros dos anteriores e aposta pola calidade

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2024.- O Consello da Xunta aprobou hoxe o Programa Estatístico de Galicia para 2025, con 161 estatísticas sobre territorio, poboación, sociedade, estrutura produtiva e tecnoloxía, cuxos resultados incrementarán a oferta informativa achegada polos sistemas estatísticos español e europeo. A elas súmanse outras 48 actuacións para afondar na análise e difusión da información dispoñible sobre Galicia.

Entre as novidades salientan as estatísticas vencelladas co inventario forestal, os alugueiros de vivendas, as afiliacións á Seguridade Social, a mocidade no mercado laboral, o deporte e a acuicultura. Actualizar as proxeccións das taxas de actividade, realizar unha enquisa ás empresas multilocalizadas e ampliar a información recollida nos fogares sobre ocio, cultura, benestar e capital social son outras tarefas programadas no 2025. 

Tamén se seguirá a primar a oferta de información con detalle territorial. Estimar o produto interior bruto municipal, desagregar as proxeccións de poboación por debaixo da comarca ou actualizar os datos sobre paro, afiliacións e pensións con detalle por cuadrícula de 1 Km2 formarán parte do programa estatístico de 2025. 

As actividades previstas para enriquecer o coñecemento da economía galega inclúen unha aplicación gráfica de consulta dos indicadores demográficos e migratorios, procurar metodoloxías para elaborar as contas forestais e a satélite do turismo, actualizar os modelos de previsión económica a medio prazo ou deseñar unha enquisa sobre ciberseguridade nas empresas, son outras actividades previstas que enriquecerán o coñecemento da economía galega.

O IGE seguirá afondando no aproveitamento da información administrativa para abaratar custos e reducir carga de resposta e no 2025 analizará como explotala para construír unha base de datos espacial e para aproximar activos, parados e ocupados.

No 2025 difundirase información económica do transporte e a loxística, en liña coas  análises dos programas anteriores sobre pesca, cultura e deporte. As previsións do Plan Galego de Estatística 2022-2026 completaranse no 2026 co sector da minaría.

No 2025 seguiranse a realizar as grandes enquisas dos programas anteriores: Enquisa de Poboación Activa e Enquisa Estrutural a Fogares.

Cuarto programa do Plan Galego de Estatística 2022-2026
Este será o cuarto programa do Plan Galego de Estatística 2022-2026, marco legal que consolidará e ampliará os logros dos anteriores. Ademais, colocará a Galicia entre as comunidades autónomas dotadas dun sistema estatístico acorde cos principios internacionais de boas prácticas.

O plan asume expresamente o código de conduta do Comité do Sistema Estatístico Europeo, que contempla os principios de independencia profesional do persoal estatístico, imparcialidade, obxectividade e transparencia, entre outros. Por tanto, a organización estatística de Galicia queda sometida a estes valores e o Goberno galego comprométese a respectalos e impulsalos.