Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

O importe adxudicado dos Fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia pola Xunta supera os 1.100M€, o 75% do importe ingresado

O importe adxudicado dos Fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia pola Xunta supera os 1.100M€, o 75% do importe ingresado

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública presentou ao Consello do Goberno galego o informe de execución do MRR de finais do terceiro trimestre de 2024
  • Máis de 45.000 persoas, 8.095 autónomos e máis de 5.000 entidades e sociedades se beneficiaron destes fondos

O importe adxudicado dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia pola Xunta de Galicia acada os 1.102 millóns de euros, o 75% do ingresado e o 85% do importe publicado en convocatorias e licitacións.

A boa execución en Galicia tamén a confirman os datos do Ministerio de Economía, que din que a taxa de resolución de Galicia, sen as entidades locais, é a segunda máis alta en España, 76,3% (18,7 puntos e 17,2 puntos máis que a media das CC.AA. e a AXE, respectivamente.)

Segundo o informe analizado hoxe na reunión do Consello, na actualidade, a suma dos recursos do MRR asignados polo Goberno central á Administración galega ascenden a 1.545 M€, o 5,8% do distribuído entre as comunidades autónomas, o que supón menos recursos dos que corresponderían á Comunidade por PIB per cápita. Desa cantidade, a Xunta ten ingresados 1.474M€. Hai que lembrar que estes fondos se poden executar ata o ano 2026.

Ademais, máis de 45.000 persoas físicas, 8.095 autónomos e máis de 5.000 entidades e sociedades beneficiáronse dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia executados polo Goberno galego ata finais do terceiro trimestre de 2024. De feito, o MRR xestionado pola Xunta terá un impacto a medio e longo prazo na contorna de dúas décimas de media anual no PIB, segundo as estimacións do IGE a partir do modelo QUEST III R&D que emprega a Comisión Europea para a análise cuantitativa de políticas.

As actuacións concéntranse nas compoñentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia relacionadas coa mobilidade sostible, as enerxías renovables, as políticas públicas para o mercado de traballo, a renovación e ampliación do Sistema Nacional de Saúde, a implantación da Axenda Urbana, a dixitalización, a modernización do sistema educativo, a economía dos coidados e a inclusión social.

Pola súa banda, o Goberno Central deseñou a figura dos PERTE para o financiamento dos proxectos estratéxicos de colaboración público privada. Actualmente hai 12 PERTEs aprobados cun orzamento total de máis de 41.000 M€, dos que só se adxudicaron 14.038 M€ (34%). A dotación dos PERTE supón o 25% dos recursos totais do PRTR, incluíndo os recursos adicionais da Addenda. A participación de Galicia nas adxudicacións dos PERTE é do 5,5% do asignado en toda España (771 M€).