Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

O Centro GaiásTech fomenta as vocacións STEAM entre as rapazas cun taller sobre tecnoloxía e clima

O Centro GaiásTech fomenta as vocacións STEAM entre as rapazas cun taller sobre tecnoloxía e clima

  • Celebrarase en dúas xornadas, os días 10 e 24 de abril, véspera do Día da Muller e a Nena nas TIC
  • O prazo de inscrición está aberto desde hoxe no portal do GaiásTech para nenas e nenos de 9 a 13 anos
  • Os participantes crearán a súa propia cápsula sostible empregando tecnoloxía de control ambiental e deseño 3D

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2025.- O Centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia lanza unha nova actividade enmarcada nas actuacións para fomentar as vocacións femininas STEAM. O taller Ecocápsulas do Futuro: Supervivencia e Tecnoloxía nun Clima Cambiante terá lugar os días 10 e 24 de abril, véspera do Día Internacional das Rapazas nas TIC. A apertura hoxe do prazo de inscrición coincide co Día Internacional de Muller e a Nena na Ciencia.

A actividade está aberta a nenos e nenas de 9 a 13 anos que terán a oportunidade de deseñar, construír e automatizar a súa propia ecocápsula e aprenderán a controlar o ambiente interno dese espazo, empregando tecnoloxía de control ambiental e deseño 3D.  A elaboración do proxecto parte da premisa dun desastre climático que obriga á humanidade a crear ecocápsulas autosuficientes para sobrevivir. As e os participantes terán que definir que elementos (plantas, rocas...) incorporan ás súas cápsulas e integrar os sistemas de electrónica e sensorización que lles permitirán controlar os parámetros de humidade, luz etc... para a correcta observación dese ecosistema. 

As inscricións, que darán prioridade ás rapazas, poden realizarse no portal do GaiásTech, ata esgotarse as 15 prazas dispoñibles. 

O taller enmárcase nas actuacións da Xunta para fomentar as vocacións STEAM entre as rapazas desde idades temperás a través de actividades lúdico formativas que esperten o seu interese neste ámbito. Segundo os últimos datos do Observatorio para a Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), no curso 2021-22 as mulleres representaban o 34% das persoas matriculadas en ciencias e o 26% en enxeñarías e carreiras tecnolóxicas.