Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

Miguel Corgos salienta a solidariedade comunitaria como parte esencial da UE e a súa contribución ao fortalecemento de Galicia

Miguel Corgos salienta a solidariedade comunitaria como parte esencial da UE e a súa contribución ao fortalecemento de Galicia

  • A Xunta celebra no Porriño o Día de Europa, coincidindo coa inauguración da exposición itinerante sobre Fondos Europeos 
  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública, acompañado do director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e do alcalde do Porriño, izou a bandeira europea 

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2025.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, salientou hoxe a solidariedade comunitaria como parte esencial da Unión Europea desde o seu inicio e a súa decisiva contribución ao fortalecemento de Galicia. 

A Xunta celebra hoxe no Porriño o Día de Europa, coincidindo coa inauguración da mostra itinerante sobre Fondos Europeos que percorre este ano dez vilas galegas. Miguel Corgos aproveitou para destacar os datos do último informe sobre cohesión económica, social e territorial da UE, que confirman que Galicia é unha das CC.AA. que presenta, nas últimas dúas décadas, un crecemento do PIB per cápita superior á media. De feito, é a comunidade que máis creceu en PIB per cápita de España, un 3,7% de media anual entre os anos 2000 e 2023, case un punto por riba da media de España (2,9%). 

“Neste período, Galicia escalou sete posicións entre as comunidades en termos de PIB por habitante e pasou de representar o 77,6% da media hai dúas décadas ao 92,5% no ano 2023, cun avance de case 15 puntos”, engadiu.
 
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, acompañado do director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, e do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, izou a bandeira europea  na vila, que acolle durante toda a xornada actividades lúdicas e formativas en torno a Europa, destinadas non só aos máis pequenos, senón ao conxunto da poboación.

Pola súa banda, Jesús Gamallo destacou que Galicia se reivindica como parte do proxecto común europeo, con prioridades propias, como a necesidade dunha política pesqueira común que, promovendo o uso sostible dos océanos, non prexudique ás miles de familias galegas que hoxe en día dependen da pesca.

Para o director xeral de Relacións Exteriores debe buscarse “o equilibrio entre os aspectos sociais, económicos e ambientais da actividade produtiva. Unha Europa competitiva e innovadora, que coida, á vez, dos seus traballadores, é plenamente compatible cos retos da transición verde e dixital. Galicia demostra que isto é posible, cumprindo ano tras ano cos estándares comunitarios sen deixar de medrar a súa puxanza económica e industrial”.

 

Unha mostra para reflectir a historia dos fondos europeos e as iniciativas que apoian

Miguel Corgos explicou que a exposición itinerante recolle o apoio da UE á comunidade galega a través dos diferentes fondos. Galicia recibiu, desde o ano 1986, 32.000 M€ que contribuíron ao desenvolvemento social e económico e á mellora do seu crecemento e da súa converxencia.

A través de 16 paneis informativos, a exposición amosa a historia dos fondos europeos, os diferentes tipos e as iniciativas que apoian, entre elas aproveitar as vantaxes que ofrece a dixitalización, fomentar a eficiencia enerxética ou a protección das áreas naturais, o desenvolvemento sostible das zonas rurais ou a cooperación territorial.