Miguel Corgos reivindica os principios constitucionais de igualdade e solidariedade para o novo sistema de financiamento autonómico
- O conselleiro de Facenda e Administración Pública defendeu o criterio de poboación axustada fronte ao da capacidade tributaria de cada territorio
- Coa actual proposta do Goberno central, Galicia tería o peor financiamento da súa historia
- A Escola Galega de Administración Pública, EGAP, celebrou un Foro sobre as posibilidades de mellora na reforma do Sistema de Financiamento Autonómico (SFA)
Santiago de Compostela, 7 de abril de 2026.- Miguel Corgos reivindicou hoxe os principios constitucionais de igualdade e solidariedade para o novo modelo do Sistema de Financiamento Autonómico (SFA), fronte ao criterio de ordenación dos ingresos, que “nunca ata o momento constituíra un dos seus principios reguladores”. Con este criterio, as comunidades con maior capacidade fiscal poderán consolidar maiores niveis de gasto por habitante, mentres que as outras verán limitada a súa marxe para reforzar servizos esenciais como a sanidade, a educación e a dependencia.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública lembrou que hai consenso sobre a necesidade de reformar o actual modelo de financiamento, xa que provoca “un reparto insuficiente, desigual e pouco equitativo entre as CC.AA. de réxime común”. Porén, do mesmo xeito, existe tamén un rexeitamento maioritario á proposta presentada polo Goberno central, xa que se despraza o eixe do sistema do criterio de necesidades de gasto, cara a capacidade tributaria, determinada polo potencial de recadación de cada territorio.
Miguel Corgos clausurou hoxe o Foro A Reforma do Sistema de Financiamento Autonómico e as súas posibilidades de mellora, organizado pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP) no que interviñeron como relatores Roberto L. Blanco Valdés e César García Novoa, da Universidade de Santiago de Compostela, María Ángeles Guervós Maíllo, da Universidade de Salamanca e a propia directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos.
O peor financiamento da historia
O responsable da Facenda galega abundou na idea de que se a proposta do Goberno central sae adiante, “Galicia tería o peor financiamento autonómico da historia”. As modificacións propostas no novo modelo agravan a insuficiente ponderación de Galicia no criterio da poboación axustada, que xa non chegaba “para compensar os custos derivados da prestación dos servizos públicos da nosa competencia, derivados de dous factores estruturais: o elevado envellecemento da poboación e a alta dispersión territorial”. É dicir, para Corgos resulta evidente que as modificacións do modelo conducen a “unha menor consideración das singularidades demográficas e territoriais de Galicia dentro do SFA”, xa que reduce o recoñecemento financeiro de dous dos factores que máis condicionan o custo real dos servizos públicos en territorios como o galego.
Miguel Corgos concluíu que a reforma do financiamento autonómico debe orientarse a “perfeccionar o modelo vixente”, simplificando a estrutura básica con máis recursos, reponderando a poboación axustada para reflectir o custo real das prestacións e igualando o financiamento por habitante axustado para evitar agravios. O contrario, asegurou, suporía introducir “desigualdades incompatibles cos principios básicos do Estado das Autonomías”.