Miguel Corgos reivindica a transparencia e a rendición de contas para mellorar a confianza da cidadanía nas institucións e empresas

- O conselleiro de Facenda e Administración Pública inaugurou as IX Xornadas de Auditoría e Contabilidade en Galicia
- O Marco de Financiamento Sostible vincula o financiamento de Galicia e a súa política de endebedamento con investimentos socialmente responsables
- O Goberno galego está introducindo a IA nas actuacións de control para mellorar a súa eficiencia e precisión
Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2024.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe a importancia de promover a transparencia e a rendición de contas no sector público e no privado, porque contribúen a crear e manter a confianza nas empresas e nas institucións, polo seu impacto directo na cidadanía.
Durante a inauguración das IX Xornadas de Auditoría e Contabilidade en Galicia, Miguel Corgos recordou que o Goberno galego foi pioneiro neste ámbito coa aprobación da Lei de Disciplina Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira, e que ademais a Xunta elabora plans estratéxicos que prevén o marco financeiro de toda a actividade pública. O terceiro destes plans, co horizonte 2030, está chegando ao seu ecuador e cos datos do vindeiro ano 2025 realizarase ao ano seguinte a avaliación intermedia do plan.
Sostibilidade
O responsable da Facenda galega fixo referencia a un dos temas centrais do foro, a sostibilidade, para lembrar que Galicia conta cun Marco de Financiamento Sostible desde hai xa cinco anos, que vincula o financiamento da comunidade e a súa política de endebedamento con investimentos socialmente responsables.
Puxo como exemplo as emisións de ‘bonos verdes’ que o Goberno galego vén facendo desde o ano 2020, para destinar recursos a políticas e actuacións que tenten combater o cambio climático. Ou, no mesmo sentido, a xestión do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia que require que se avalíe o efecto no medio ambiente das actuacións que se van acometer antes de tomar unha decisión de gasto.
Intelixencia artificial
O conselleiro tamén destacou o uso das novas tecnoloxías no desenvolvemento das actuacións de control. Neste marco, explicou que no campo da auditoría, a intelixencia artificial demostrou ser unha ferramenta valiosa para mellorar a eficiencia e a precisión dos procesos de auditoría.
Apuntou que a Lei de Acompañamento dos Orzamentos para 2024 incluíu por vez primeira a posibilidade de establecer sistemas automáticos de control que analicen un gran volume de datos de xeito rápido e preciso, permitindo que o persoal controlador se centre nos expedientes que precisen dunha análise máis detallada.
Ademais Miguel Corgos apuntou que no marco do regreso ás regras fiscais, estase traballando en sistemas que faciliten as previsións de peche para axudar a determinar as necesidades orzamentarias e desenvolver os controis de seguimento orzamentario.